A BANDA DE MÚSICA DA AGRUPACIÓN MUSICAL DE A GUARDA OFRECEU UN MAGNÍFICO CONCERTO DE MARCHAS PROCESIONAIS
• Na igrexa parroquial de Santa María de A Guarda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
A banda de música da Agrupación Musical de A Guarda ofreceu un Concerto de Marchas procesionais. Foi na tarde do pasado día 13 de abril (Domingo de Ramos), na igrexa parroquial de Santa María de A Guarda, grazas á colaboración do padre D. Juan José González Estévez, que cede o templo para diferentes eventos culturais, suplindo dalgún xeito, á carencia dun auditorio municipal cunha cabida que non debera ser inferior a que tiña o cine-teatro Avenida.
Dirixida por Víctor Luis Alonso Treinta, a banda de música da Agrupación Musical de A Guarda interpretou o seguinte programa:
• Caridad del Guadalquivir, de Paco Lola.
• Hosanna in excelsis, de Óscar Navarro.
• San Martinho, de Carlos Marques.
• Mi amargura, de Víctor M. Ferrer.
• Jerusalén, de José Vélez.
• La Madrugá, de Abel Moreno.
• Aeternum, de Vitor Resende.
• Transfiguraçâo, de António A. da Silva.
• Saeta, de Joan Manuel Serrat.
Obras inspiradas, maioritariamente, na Pasión, Morte e Resurrección de Cristo, cuxa escoita, convidaban á meditación interior de cada un dos ouvintes, respecto a eses misterios que conmoven a calquer persoa con sensibilidade, e de xeito moi especial á toda a comunidade cristiá.
Foi un magnífico concerto - sen precedentes conocidos na nosa localidade -, que serviu para poñer en valor - unha vez máis - o indiscutible mérito e o esforzo de todos e cada un dos compoñentes da devandita banda de música; das súas respectivas familias; e obviamente, do labor que veñen realizando ás persoas que forman parte da xunta directiva, que preside David Álvarez Mariño.
O Concerto de Marchas Procesionais foi tamén unha mostra instrumental, na que se puxo de manifesto unha fermosa escolma do rico patrimonio musical da Península Ibérica, que ten súa máxima expresión nas procesións de Semana Santa, tanto en España como en Portugal.
Queremos salientar que Victor Luis Alonso Treinta, ademais de dirixir á banda de música da Agrupación Musical de A Guarda, fixo unha breve introdución de cada unha das obras a interpretar, así como dos respectivos autores.
Foi un magnífico concerto, no que por espazo dunha hora, o respectable público gozou cos acordes da banda de música da Agrupación Musical de A Guarda, unha entidade que merece todo o apoio, tanto das institucións públicas, como de empresas, particulares e público, en xeral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario