A Deputación de Pontevedra recibe o premio de Viajes National Geographic ás Rías Baixas como mellor destino de praia
• A provincia de Pontevedra impúxose a outros catro destinos españois nos galardóns, escollidos polos lectores da revista nunha votación en liña
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra suma un novo recoñecemento á excelencia do destino Rías Baixas a través dos Premios dos Lectores convocados pola publicación Viajes National Geographic. Despois dun mes de votación entre xaneiro e febreiro, a provincia de Pontevedra foi escollida polos usuarios da revista como o mellor destino de praia, impoñéndose aos outros catro finalistas nesta categoría.
Sobre o destino Rías Baixas, a revista destaca que “situadas na costa noroeste de Galicia, as Rías Baixas son un destino de augas tranquilas, illas pequenas e vilas pesqueiras, rodeados dunha fermosa paisaxe verde”. Así mesmo, tamén salienta que “ademais do aire fresco do océano, nestas terras respírase un ambiente tranquilo que invita a gozar do mar, a terra e os deliciosos mariscos da gastronomía galega”. A provincia de Pontevedra competía nesta categoría con Cabo de Gata (Almería), a Costa Daurada (Tarragona), Gran Canaria e a Costa Occidental de Cantabria.
O premio ás Rías Baixas como mellor destino de praia demostra que o turismo de sol segue a ser un dos motivos que convidan a visitar a provincia. A peculiaridade do litoral da provincia de Pontevedra fai que a súa costa se converta nun espello de norte a sur, con praias veciñas desde as que tamén se poden divisar as vilas mariñeiras ou as bateas. Cómpre lembrar, ademais, que a provincia de Pontevedra é a segunda que conta con máis distintivos de bandeira azul de toda España, con 61 distintivos en 2024, unicamente detrás de Alacante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario