6 de mar. de 2025

VIGO

O FEMINISMO MUDA A HISTORIA,  SEN LOITA NON HAI FUTURO! 



 

Resposta Feminista - As que miran lilá / Vigo

 Dende Resposta Feminista - As que miran lilá, plataforma feminista viguesa composta por máis de 50 mulleres individuais e diversas entidades feministas da cidade -As da Industria, A Morada, Nós Mesmas, Comando Igualdade, Grupo Violeta de  Greenpeace, Sección Ecofeminista de Ecoloxistas en Acción, Secretaría das Mulleres de CCOO, Secretaría das Mulleres da CIG-, chamamos a todas as mulleres da comarca, e á cidadanía en xeral, a ocupar as rúas na gran manifestación do 8M que sairá ás 18:30h da Praza dos Cabalos. 

 Resposta Feminista xorde en 2024 tomando o relevo das distintas plataformas que mobilizaron e convocaron ao feminismo na cidade como foron Feminismo Unitario, Galegas 8M, Marcha Mundial das Mulleres ou a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto. 

 Dende Resposta Feminista traballamos na construción dun espazo que loite en clave local, onde a pluralidade é considerada riqueza e os distintos sentires dos feminismos suman forza. 

 Como as nosas predecesoras, bebemos dos feminismos autónomos, desvinculadas de siglas partidistas, cun compromiso claro de representar e loitar polas mulleres máis vulnerables e convocando mobilizacións que non deixen a ningunha atrás.




 Baixo o lema “O feminismo muda a historia, sen loita non hai futuro!”, percorreremos as rúas de Vigo, orgullosas do que a loita feminista leva acadado e enérxicas na loita do que queda por facer.  

 Este ano celébrase o 30 aniversário da IV Conferencia da muller de Beijing, un momento de inflexión na historia do feminismo, no que se marcaron 12 áreas de traballo que continúan vixentes e que nos servirán de fío condutor para celebrar o logrado, vixiar que non haxa retrocesos e continuar pelexando até que a igualdade sexa unha realidade. 

 O 8 de marzo é unha data  que nos  permite representar na rúa o traballo que o feminismo fai os 365 días do ano e este ano, dende Resposta Feminista, queremos por o foco principalmente no papel transformador que ten o movemento feminista, nos dereitos e recursos conquistados grazas ao traballo incansable de moitas mulleres loitadoras, porque nada nos foi regalado e, grazas a esta movemento incansable, a transformación social contra o sistema patriarcal parece máis real hoxe. 

 Queda moito traballo por facer, é por iso que neste 8 de marzo tamén sairemos á rúa para seguir loitando:

 • Polo final da explotación de mulleres e a violencia sexual, por un modelo no que o centro da nosa sexualidade sexa o desexo e onde ningunha muller se vexa obrigada a empregar o seu corpo como mercadoría. 

 • Contra a explotación de mulleres por medio dos ventres de alugueiro. 

 • Porque a coeducación sexa unha realidade en todas as aulas galegas. 

 • Pola igualdade real no deporte, apoiando especialmente a reivindicación do clube feminino Sárdoma de futbol que reclama a mesma contía económica para este que a que se lle asigna aos clubes masculinos na mesma categoría. 

 • Contra todas as discriminacións que sofremos as mulleres no mundo do traballo e esixindo medidas efectivas que loiten contra a precarización das nosas condicións de traballo. 

 • Contra a privatización de servizos públicos, pondo o foco especialmente nos servizos e recursos destinados as mulleres que no concello de Vigo xestionan empresas privadas como o centro de documentación feminista, os puntos lilás, a casa das mulleres,..., esiximos servizos públicos de xestión pública e de calidade. 

 • Denunciamos a situación na que se atopan moitas mulleres migrantes na Galiza, xa que a normativa actual en materia de estranxeiría provoca moitos contextos de vulnerabilidade. 

 • Tampouco podemos esquecer a solidariedade internacionalista, é por iso que non podemos pasar sen mostrar o noso máis sincero apoio ao pobo de Gaza, especialmente ás mulleres gazatíes ante o xenocidio que están sofrendo. 

 • E por último, non permitiremos que a ameaza fascista cos seus discursos retrógrados, nos devolva ao silencio e destrúa os avances sociais que acadamos co feminismo. Non imos permitir que se bote por terra nin un só avance! Estamos alerta, vixiantes e en pé de loita! 

 Seguiremos na loita, como dicía Rosa Luxemburgo, “por un mundo onde sexamos socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres”.   




 Baixo o lema “O FEMINISMO MUDA A HISTORIA, SEN LOITA NON HAI FUTURO!!”, o vindeiro 8 de marzo ás 18:30h contamos contigo na Praza dos Cabalos  para berralo ben forte:  

Feminismo sen tregua!!! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario