Tomiño conmemora o 8M con contos, lecturas e teatro sobre a muller
• Ao longo do ano, realizaranse tamén obradoiros de igualdade para o alumnado do IES e traballarase na redacción do 5º Plan de Igualdade
Infogauda / Tomiño
Tomiño conmemora o Día Internacional da Muller (8 de marzo) cunha serie de actividades baixo o lema “8M Tecendo redes, facendo tribo”, e nas que terán cabida contos de mulleres, lecturas e teatro.
O propio día 8, sábado, terá lugar ás 12h, no primeiro andar do mercado municipal, o espectáculo Matrioskas, con Marta Ortiz e Sofía Espiñeira, que relatarán contos de mulleres. Seguidamente, membros do Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas” e do grupo Sachos Violetas, do IES,terán ao seu cargo varias lecturas relacionadas co tema.
O mesmo día, 8 de marzo, ás 21.00h, o auditorio municipal (Goián) acollerá a obra teatral “Testosterona”, de Malasombra Producións. Trátase dunha comedia ou fábula contemporánea que vén falar da desigualdade no mundo laboral.
O domingo 9 chegará outra proposta teatral para todo público: “Historia dunha nena namorada do mar”, a cargo de Osoldeoutonoteatro, ás 17.30h, tamén no auditorio. Esta obra, que forma parte da Rede galega de teatros e auditorios, conta a historia dunha nena que quere ser mariñeira.
Pero ademais dos actos mencionados, ao longo do ano, seguirán impartíndose os obradoiros de igualdade “Non é unha opción, é unha realidade. Falemos de sexo”, no IES Antón Alonso Ríos, porque, como indica a alcaldesa Sandra González, “a igualdade non é algo que conmemoremos só un día, senón que debe formar parte da nosa sociedade durante todo o ano. Por iso, desde o Concello reforzamos os cursos e obradoiros para a mocidade, xa que consideramos estas actividades fundamentais para concienciar e educar ás novas xeracións na importancia da igualdade e o respecto”.
Así mesmo, durante o 2025, levarase a cabo á avaliación do 4º Plan de Igualdade e a redacción do 5º. “O Plan de Igualdade dános unha folla de ruta clara para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, avaliando a realidade do noso municipio e marcando novos obxectivos. Estamos a piques de comezar co quinto xa que este é un traballo constante que sempre debemos mellorar”, sinala pola súa banda, Cristina Martínez, concelleira de Educación.
Dúas propostas teatrais
“Testosterona”, de Malasombra Producións. Trátase dunha comedia ou fábula contemporánea que vén falar da desigualdade no mundo laboral. Un home e unha muller optan a un posto de máxima responsabilidade nun medio de comunicación moi importante a nivel nacional. Como debe actuar ela para ser a elixida? ¿Por que non é suficiente a súa capacitación, o seu talante e a súa intuición? A obra tenta dar resposta a estes interrogantes, propoñendo unha reflexión profunda sobre a cuestión. Camila Bossa e Luis Iglesia interpretan esta obra de Sabina Berman, baixo a dirección de Xoque Carbajal.
“Historia dunha nena namorada do mar”, a cargo de Osoldeoutonoteatro. Esta obra, que forma parte da Rede galega de teatros e auditorios, conta a historia dunha nena que quere ser mariñeira. Dirixida especialmente ao público infantil, a peza fala dos soños, da vontade de chegar a ser o que a nosa alma desexa, pero tamén do empoderamento persoal como muller nunha profesión de homes. As mensaxes sobre o cambio climático, e o coidado polo mar, son tamén temas principais da obra, con música en directo e monicreques. A actriz protagonista, autora e directora é Soraya Lema.
Ningún comentario:
Publicar un comentario