20 de mar. de 2025

VIGO

Luisa Sánchez sinala o compromiso da Deputación coa Asociación Évame Oroza 

• Na presentación das actividades que desenvolverá durante 2025


A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este xoves en Vigo na presentación das actividades que desenvolverá a Asociación Cultural Évame Oroza durante 2025
Foto: D.PO.

Infogauda / Vigo

 A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este xoves en Vigo na presentación das actividades que desenvolverá a Asociación Cultural Évame Oroza durante 2025, moitas delas incluídas nun convenio de colaboración entre a entidade e a institución provincial cun investimento de 12.000 euros. Grazas a estes recursos, a vicepresidenta salientou que “poderán organizar exposicións de arte no seu local, como a de Xulio García Rivas que xa se pode visitar, un acto con motivo do Día Internacional das Mulleres a próxima semana, un recital de poesía, un ciclo de conferencias ou outro de charlas abertas”. Na presentación tamén se deu conta da convocatoria dunha nova edición do premio de poesía Carlos Oroza.  

 Luisa Sánchez salientou que “desde a Deputación estamos encantados de poder participar na posta en marcha de todas estas actividades xa que somos unha institución tremendamente comprometida tanto co desenvolvemento do asociacionismo de Vigo como coa cultura”. A vicepresidenta sinalou que “a vosa acción aglutina dúas das nosas grandes prioridades e non podiamos manternos á marxe”, e puxo en valor que “ao igual que a Deputación abriu as portas da súa sede á veciñanza de Vigo, vós facedes o mesmo no voso local para dinamizar o Casco Vello da cidade, dando vida aos barrios e cumprindo unha función social imprescindible e desinteresada”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario