A CIG mobilízase contra a represión laboral e pola subrogación do persoal de mantemento do centro comercial Vialia de Vigo
• As persoas traballadoras denuncian “insultos e ameazas” por parte do encargado de Vectalia, a actual concesionaria do servizo
Infogauda / Vigo
Delegados/as da CIG de Vigo desenvolveron hoxe unha concentración ás portas do centro comercial Vialia para rexeitar a represión laboral que padece o persoal de Vectalia, concesionaria do servizo de mantemento, e reclamar a subrogación de todas as persoas traballadoras no novo proceso de licitación.
Dende a representación da central sindical na empresa multiservizos Vectalia denuncian o clima laboral que padecen dende a posta en marcha do centro comercial en 2021 como consecuencia da actitude do encargado: “malas formas, insultos, ameazas e a obriga de desenvolver labores que non están entre as nosas funcións”.
Neste tempo fóronse producindo ademais recortes no servizo e nas condicións laborais que incrementaron a explotación das cinco persoas encargadas do mantemento. “Traballamos sen cuadrante, non podemos coller vacacións, pasaron de pagarnos 25 euros polos domingos a 3, facemos traballos tóxicos e penosos sen cobrar o plus correspondente, non pagan as horas extras e mesmo hai xente á que lle adebedan cartos”.
Estes incumprimentos motivaron numerosas denuncias na Inspección de Traballo, ao tempo que o encargado foi denunciado tamén por acoso no xulgado. “Na sentenza o xuíz dá por probado a existencia dun clima laboral conflitivo e tenso como consecuencia da actitude do encargado, mais absólveo do delito de acoso a pesar de que nestes momentos ten abertos tres protocolos de acoso dentro da empresa”.
Dende a CIG-Industria de Vigo sinalan que o que está a acontecer responde a unha estratexia da dirección do propio centro comercial Vialia para desfacerse das persoas traballadoras que consideran conflitivas porque reclaman os seus dereitos laborais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario