24 de mar. de 2025

VIGO

Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo convoca unha concentración

O xoves, 27 de marzo, das 18:00 ás 20:00 horas, diante do MARCO


Membros da Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo, na rolda de prensa de hoxe

Redacción / Vigo

 Previa á oportuna convocatoria aos medios de comunicación social, a Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo, mantivo hoxe unha rolda de prensa, cuxos portavoces fixeron público as seguintes decraracións:

 "O obxectivo desta rolda de prensa é trasladar aos medios de comunicación e ao conxunto da cidadanía a decisión da Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo de convocar unha CONCENTRACIÓN o xoves 27 de Marzo, diante do Marco, das 18 as 20h., no que iniciaremos os repartos de difusión e apoio á convocatoria da Manifestación do 6 de abril, desde a Alameda de Santiago de Compostela, convocada por SOS Sanidade Pública. 

 É necesario destacar o importante papel da cidadanía da nosa área sanitaria na contestación ao cambio de proxecto do Novo Hospital de Vigo e na defensa da sanidade pública na nosa Área Sanitaria. 

 Tamén queremos destacar o papel da Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo, organizando manifestacións multitudinarias en Vigo e noutros concellos da área, charlas e coloquios en asociacións veciñais, roldas de prensa ou concentracións. 

 Desde a Plataforma queremos trasladar á sociedade a necesidade de seguir exixindo responsabilidades políticas: 

• Facer que o conxunto da cidadanía pague 470.469.422 euros de máis á sociedade concesionaria non pode quedar impune. 

• Facer un hospital máis pequeno, que non responde ás necesidades da nosa Área Sanitaria, non pode quedar impune. 

• Manter, e incluso aumentar, o negocio da sanidade privada na nosa Área sanitaria non pode quedar impune. 

 Coa construción do Hospital Álvaro Cunqueiro non se lograron acadar completamente os obxectivos fixados polo Plan funcional inicial que 2 contemplaba un novo Hospital para atender ao 100% da cidadanía, unha importante remodelación da nosa Atención Primaria e a diminución do peso da sanidade privada na área: 

• Nin se construíron as estruturas necesarias de Atención Hospitalaria, para poder atender con calidade ao 100% da cidadanía, de 2.000 camas hospitalarias previstas no conxunto da área sanitaria pasamos a un máximo de 1.366. 

• Nin se reforzou a Atención Primaria coa creación de novos centros de saúde e ampliación de outros, e as consecuencias disto sufrímolas todos os días. 

• Nin se conseguiu a diminución do peso da sanidade privada na nosa área, incrementándose o seu negocio. 

 A cidadanía e as traballadoras e traballadores da sanidade pública sabemos moi ben cales son as consecuencias de todos estes incumprimentos: 

• Unhas intolerables listas de agarda para consultas, probas complementarias, exploracións e intervencións cirúrxicas. 

• Uns servizos Hospitalarios sen o cadro de persoal e espazos suficientes para dar resposta ás necesidades da cidadanía. 

• Unha carteira de servizos incompleta para manter o negocio da sanidade privada. 

• A saturación no servizo de urxencias do hospital por un deseño insuficiente, con ademais unha Atención Primaria debilitada. 

• Unhas listas de agarda en Atención Primaria que superan en moitos casos os 10 ou 15 días, e moitas persoas sen profesional da pediatría que poida atendelos. 

• A sobrecarga de profesionais de enfermería, insuficientes para dar resposta á cronicidade e á dependencia, con retraso no seguimento de patoloxías crónicas e dificultade para garantir unha atención de calidade a persoas dependentes. 

• As dificultade para acceder aos centros de saúde e ás consultas de Atención Primaria por non ter persoal suficiente nas áreas administrativas. 

• Cunha parte da poboación da nosa Área Sanitaria sendo atendida en POVISA, cun concerto económico sen transparencia, e sen alternativa pública neste momento, para poder reverter esta situación.

O domingo 6 de abril SOS Sanidade Pública convoca unha MANIFESTACIÓN, ás 12:00, desde a Alameda de Santiago de Compostela. 

 SOS Sanidade Pública anima ás plataformas de todas as áreas sanitarias a facer actos de apoio a esa Manifestación. 

 Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo convocamos a CONCENTRACION do xoves 27 de Marzo, diante do Marco, das 18 as 20h para iniciar a difusión da convocatoria e trasladar os motivos polos que animamos á cidadanía da Área Sanitaria de Vigo a acudir o día 6 a Compostela. 

 O lema da Manifestación é: Máis Atención Primaria, Máis Atención Hospitalaria e Máis Sanidade Pública! 

Máis Atención Primaria 

 Centros de saúde e PAC dotados de persoal suficiente de todas as categorías; ben equipados; accesibles en 24-48 horas máximo; con consultas presenciais a solicitude do paciente; e reorientar a Atención Primaria á promoción da saúde, prevención da enfermidade, traballo comunitario e a participación social. Garantir o modelo de Atención primaria con especialistas de pediatría nos centros de saúde. Reforzar a capacidade da Atención Primaria de dar resposta aos problemas de saúde mental coa presenza da psicoloxía clínica. 

 Na Área de Vigo temos que recuperar a Atención Primaria, con aumento da inversión, analizando as necesidades de recursos, tanto humanos como estruturais, dos centros de saúde e dos Puntos de Atención Continuada (PACs) da nosa área sanitaria. 

Máis Atención Hospitalaria 

 Utilización plena dos recursos instalados en hospitais mañá e tarde; recuperar os recortes nos hospitais comarcais; acabar coa política de concertación coa privada; restitución ao sistema público dos centros privatizados; plans para reducir listas de espera e a rematar coa ocultación das mesmas; reforzar as unidades de saúde mental tanto de adultos como infanto-xuvenil; acabar coa precariedade laboral do persoal; e esixencia da dedicación exclusiva ao persoal médico.

 Na Área sanitaria de Vigo exiximos ampliar o Hospital Álvaro Cunqueiro co que se deixou de construír, poñer a pleno rendemento o Hospital do Meixoeiro e o Hospital Nicolas Peña. 

Máis Sanidade Pública 

 Incrementar o orzamento sanitario público; elaborar un Plan de Saúde Galego que adapte os recursos ás necesidades; recuperar os servizos privatizados e as áreas sanitarias pechadas; e potenciar a Saúde Pública para combater os riscos e as epidemias para a saúde. Na Área Sanitaria de Vigo, a primeira medida na defensa da Sanidade Pública que exiximos é que se tome a decisión política de reverter a concesión do Hospital, rescatando o Álvaro Cunqueiro para o ámbito do Público". 

Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo 

Vigo, 24 de marzo de 2025

Ningún comentario:

Publicar un comentario