24 de mar. de 2025

TOMIÑO

Unha obra de teatro innovadora revela que a principal deficiencia da comarca é o transporte  

• “Todo o que pode pasar de aquí a Vila Nova” foi a obra posta en escena na tomiñesa praza do Seixo, ante un público que debía implicarse na trama


Despois da representación, levouse a cabo un coloquio - ao que asistiron tamén varios representantes municipais -  no salón de plenos do Concello de Tomiño 
Foto: C.T.
  

Infogauda / Tomiño

 “Todo o que pode pasar de aquí a Vila Nova”, unha proposta teatral innovadora revela que a principal deficiencia da comarca do Baixo Miño é o transporte público. 

 Un accidente de coche. Unha viaxe interrompida. Varios puntos de vista. “Todo o que pode pasar de aquí a Vila Nova” é a peza de teatro de rúa que chegou á praza do Seixo días atrás. A proposta ao público, a cargo dun grupo de mozos e mozas da comarca, foi  visitar diferentes lugares da praza para seguir a historia de dous adolescentes do Baixo Miño que tiñan que recoller a unha prima en Cerveira, de noite, onde quedara varada sen transporte. 

 Juan Escalona Corral, coordinador artístico da asociación FOCO, de A Guarda (que  realiza proxectos culturais e educativos coa mocidade) explica que a idea de levar a cabo esta proposta teatral de rúa, naceu das inquedanzas dun grupo de mozos e mozas da comarca en relación ás dificultades existentes na comarca para desenvolver proxectos culturais ou sociais.  

 Tras varias reunións, o grupo concluíu que o maior problema estrutural é o transporte público “que é insuficiente e ineficaz, restrinxindo a realización de moitas actividades e proxectos. Nas fins de semana as viaxes son practicamente inexistentes; non hai conexións directas con Vigo ou Pontevedra, nin con Vila Nova de Cerveira”, comenta Juan Escalona. Desta constatación, foi nacendo a idea da orixinal obra teatral, na cal o público é outro actor importante, xa que o enigma plantexado non pode resolverse sen a súa participación.  

 Despois da representación, levouse a cabo un coloquio no salón de plenos do Concello de Tomiño (ao que asistiron tamén varios representantes municipais), para explicar  diferentes aspectos da obra teatral e, ao mesmo tempo, “abrir un debate na sociedade sobre o tema da falta de transporte público na comarca”, sinalando que as únicas que poden tentar reclamar á Xunta a situación, son as administracións locais. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, explicou que a deficiencia do transporte público é unha realidade que hai que remediar. “É un tema que o Concello reclamou repetidas veces á Xunta de Galicia, incluso, con unha moción aprobada por unanimidade da corporación municipal, e que afecta, fundamentalmente, á mocidade e a xente maior”, dixo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario