A Eurocidade Tui-Valença promociónase na BTL de Lisboa
• Até o domingo darán a coñecer os atractivos turísticos, naturais, históricos e patrimoniais
Até a capital lusa desprazáronse a concelleira de Turismo de Tui, Ana Núñez, e a vicepresidenta da Cámara de Valença do Minho, Ana Paula Xavier, así coma persoas técnicas en Turismo dos dous municipios
Foto: C.T.
Infogauda / Tui
A Eurocidade Tui-Valença promociónase até este domingo na BTL, Bolsa de Turismo de Lisboa, cita destacada no eido turístico en Portugal. Até a capital lusa desprazáronse a concelleira de Turismo de Tui, Ana Núñez, e a vicepresidenta da Cámara de Valença do Minho, Ana Paula Xavier, así coma persoas técnicas en Turismo dos dous municipios.
Na BTL a Eurocidade Tui-Valença conta cun posto propio no que dará a coñecer, tanto a profesionais coma ao público en xeral, os grandes atractivos turísticos deste territorio transfronteirizo. O conxunto histórico de Tui, fortaleza de Valença, o río Miño, e os montes Aloia e Faro, forman parte dos elementos destacados da Eurocidade xunto a súa historia, natureza, cultura e gastronomía, así coma o papel no Camiño Portugués a Santiago. Todo queda reflectido nas fotografías que se amosan no posto conxunto de Tui e Valença do Minho, onde as persoas que visiten a BTL poderán ver con gafas de realidade virtual un vídeo sobre este territorio.
Tamén, no posto da Eurocidade, pódese saborear gastronomía de Tui e Valença moi presente tamén na feira cos viños Corisca, Quiñón da Insua, e Edmun do Val,…, os peixes de améndoas que elaboran as monxas clarisas ou a tarta de san Telmo, que nos singulariza, e que dende o Concello de Tui se quere impulsar coma un produto gastronómico local a potenciar. Por iso esta tarde a confitería Rogelio realizou unha exhibición na que elaborou esta sobremesa tradicional de Tui. Son tamén varias as empresas do territorio que dan a coñecer os seus servizos no posto da Eurocidade coma BiciTui, Tuitrans, Altitude, Hotel Alfonso I, Río Miño en barco, Confitería Rogelio, St. JamesWay Tui, Bulwark Hostel e Valença Guesthouse…
Deste xeito a Eurocidade Tui-Valença posiciónase coma gran atractivo para o turismo dando a coñecer todas as súas potencialidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario