Tomiño acollerá a IV BTT Terras de Tomiño-Florentiña con rutas non competitivas de 40 e 60 quilómetros
• A presentación da proba, que terá lugar o domingo 6 de abril, contou coa presenza da alcaldesa de Tomiño e do concelleiro de Deportes
Infogauda / Tomiño
A IV BTT Terras de Tomiño - Florentiña, organizada pola Asociación Cultural Deportiva Recreativa Colibrí en colaboración co Concello de Tomiño, celebrarase o domingo 6 de abril de 2025.
A proba foi presentada no Concello de Tomiño, coa presenza da alcaldesa, Sandra González e do concelleiro de Deportes, Rubén García, ademais do presidente e do tesoureiro da asociación organizadora, José Ramón Álvarez e Juan Álvarez Diego (Florentiña), respectivamente. Ao acto asistiron tamén Fran González, da Asociación de Veciños de Forcadela, organizadora da 2ª edición da andaina popular que terá lugar o mesmo día; e Diego Álvarez, actual campión da Transgalaica, que colabora e participa na proba.
A marcha ciclo turista non competitiva, terá dous percorridos posibles para que cada persoa poida escoller o que considere máis apropiado, segundo o seu nivel de preparación; un de 40 Km. e 700 metros de desnivel, e outro máis longo, de 60 Km. e 1.200 metros de desnivel. Pola súa banda, a andaina popular contará cun percorrido curto (9 Km.) e outro longo (12 Km.).
Como novidade, este ano celebrarase simultaneamente unha Xincana de Ciclismo Infantil, para nenas e nenos de entre 4 e 12 anos, na praza do Seixo (Tomiño). Para poder participar nesta nova proba deportiva e recreativa, será necesario levar casco. A actividade comezará ás 10.30h, aínda que os adestramentos poderán facerse desde as 09.30h.
A saída da BTT está programada para as 9:00 horas dende a Praza de Seixo, e chegada ao mesmo punto sobre as 15:00 horas.
O percorrido será por rúas, pistas e camiños forestais do concello de Tomiño.
Pola súa banda, o percorrido das andainas, con saída tamén no Seixo ás 09.15h, transcorrerá por zonas como os Altos de Toroña, muíños da Regueira, espazo Estás na Auga; ou barrios como Xibao ou O Alivio.
A proba BTT terá un custe de 19 euros se a matrícula se formaliza ata o 15 do presente mes, e de 22 se se fai entre o 6 de marzo e o 22 de abril. Dará dereito a bocadillos de filetes e chourizo. Para participar na andaina, haberá que abonar só seis euros para avituallamento no Km. 45, e bocadillo ao final do percorrido. Por último, a xincana infantil será de balde, aínda que é preciso inscribirse previamente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario