Descubrir O Rosal paso a paso cunha nova edición das andainas interpretativas
• Serán cinco rutas para descubrir o patrimonio natural e cultural do municipio, combinando deporte, lecer e coñecemento
• A primeira saída será o sábado 29 de marzo polas Eiras. Necesaria inscrición previa na web ou no Rexistro do Concello
Infogauda / O Rosal
O Rosal volve poñerse en marcha cunha nova edición ciclo de andainas interpretativas, que arranca este 2025 cunha proposta de cinco novas rutas pensadas para gozar da natureza e coñecer o patrimonio histórico, cultural e paisaxístico rosaleiro. Unha andaina mensual de dificultade baixa-moderada, aberta a todos os públicos, que terá lugar nos meses de primavera e outono, segundo as condicións climáticas o permitan.
A primeira saída será o vindeiro sábado 29 de marzo ás 10.00 h, unha andaina que permitirá coñecer As Eiras a través dun percorrido de 6 quilómetros que terá unha duración aproximada de 3 horas. A ruta transcorrerá por pistas e camiños de terra, polo que non será apta para persoas con mobilidade reducida. Recoméndase levar calzado adecuado, roupa cómoda e bastóns ou elementos de apoio, así como algo para picar e auga.
O concelleiro de Turismo e Deportes, José Carlos Martínez Crespo, salienta que con esta nova edición do ciclo de andainas interpretativas “damos continuidade a un innovador programa que nos permite achegar a rosaleiros, rosaleiras e visitantes unha nova oferta de turismo e lecer coa que desfrutar practicando unha actividade tan saudable e interesante como o sendeirismo, ao tempo que seguimos descubrindo os segredos que agochan as nosas parroquias e que en moitas ocasións pasan desapercibidos”.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse a través do formulario web, na sede electrónica ou de forma presencial no Rexistro do Concello. Con este programa, o Concello do Rosal reafirma a súa aposta polo turismo sostible e o contacto coa natureza, ofrecendo unha alternativa de ocio enriquecedora que combina o deporte e o coñecemento do territorio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario