14 de mar. de 2025

PONTEVEDRA

Rafa Domínguez salienta que Plan +Provincia da Deputación mobiliza esta semana 700.000 euros para que seis concellos impulsen investimentos, afronten gasto corrente e contraten persoal 

• Estes novos recursos beneficiarán a Agolada, Arbo, Cerdedo-Cotobade, Lalín, Oia e Tui. O +Provincia destinou xa máis de 10 millóns de euros aos concellos de menos de 50.000 habitantes


O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez nun momento da rolda de prensa deste venres
Foto: Rafa Estévez

Infogauda / Pontevedra

  Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar 700.000 euros para que Agolada, Arbo, Cerdedo-Cotobade, Lalín, Oia e Tui impulsen novos investimentos, afronten gasto corrente e contraten a 28 persoas ao abeiro das tres primeiras liña do Plan +Provincia 2025. O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, asegurou que o goberno provincial segue "avanzando, unha semana máis, no reparto de fondos do +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, que xa leva distribuídos máis de 10 millóns de euros neste 2025 entre os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes".  

 Desta maneira, na liña 1, de investimentos, aprobáronse 60.860 euros para que o Concello de Arbo poida levar a acabo a ampliación e rehabilitación de vías en Sela, mentres que Lalín recibirá 162.647 euros para facer fronte á anualidade de 2025 da adquisición da Casa Don Álvaro, unha operación para que o Concello xa recibiu máis de 160.000 euros ao abeiro do +Provincia 2024. Ademais, tamén a través da liña 1 do plan, Oia contará con 96.540 euros para a adquisición de terreos para a ampliación dunha zona de aparcadoiro.  

 Por outra banda, para Tui aprobáronse 96.403 euros no marco da liña 2 do +Provincia, que o goberno local empregará no financiamento das festas patronais de San Telmo. E no marco da liña 3, de emprego, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou 122.742 € para que o Concello de Agolada poida contratar a dez persoas desempregadas que desempeñen as funcións de operarios pavimentadores (3), mantedores de edificios públicos (2), operarios poceiros de redes de saneamento (2), empregado administrativo con tarefas de atención ao público (1), empregado administrativo xeral (1) e operario pegador de cartaces (1). Por último, Cerdedo-Cotobade recibirá 164.003 euros para contratar a 18 persoas como podadores – desbrozadores e motoserristas forestais (7), encofradores (6), pintores de vías urbanas (2), condutor – operador de maquinaria forestal a motor (1), condutor de camión (1) e canteiro (1).

Ningún comentario:

Publicar un comentario