Programa PIREP
Abel Losada aplaude a reforma do mercado de Oia como exemplo do apoio do Goberno á mellora dos servizos e espazos públicos municipais
O proxecto contou cunha subvención de case 600.000 euros do Plan de Recuperación do Goberno
Losada destaca a calidade do proxecto e pon en valor a iniciativa do Concello para impulsar iniciativas que contribúen ao desenvolvemento local
Infogauda / Oia
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou as obras de reforma do antigo mercado de abastos de Oia, financiadas a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. O subdelegado puxo esta actuación como exemplo do “compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa revitalización económica e social dos concellos da provincia, facilitando proxectos que fan que as vilas máis pequenas poidan mirar cara ao futuro con novas oportunidades e infraestruturas de calidade”.
Durante a visita, estivo acompañado pola alcaldesa de Oia, Cristina Carrera, por membros do goberno local e da corporación municipal, así como por representantes do estudo de arquitectura Blanco Touza Arquitectos, encargados do proxecto e da empresa construtora. Esta intervención contou cunha subvención de case 600.000 euros do Goberno de España, que, a través do programa PIREP, continúa apoiando aos pequenos concellos para mellorar os seus servizos e, en consecuencia, a vida da súa veciñanza.
O antigo mercado de abastos de Oia transformarase nun edificio sociocultural polivalente, que permitirá revitalizar o espazo e promover o uso comunitario e social das súas instalacións. O proxecto destaca pola súa calidade arquitectónica, respectando os elementos históricos do inmoble e integrándoos nunha nova configuración moderna e funcional. Entre as actuacións realizadas, destaca a mellora da eficiencia enerxética e da accesibilidade, a renovación da cuberta en madeira, mantendo a estrutura da orixinal que era de metal, o que permite conservar a esencia do edificio ao tempo que se modernizan as súas infraestruturas. Tamén se realizou unha apertura dos muros cara ao mar, co fin de integrar a paisaxe no conxunto arquitectónico e favorecer un espazo aberto e acolledor.
O novo edificio contará con múltiples zonas de uso, como cafetería, que, zona para acoller actividades culturais e eventos, espazos de traballo formación, zonas de venda de produtos, novos aseos, etc.
O subdelegado do Goberno destacou a calidade do proxecto, merecente de fondos europeos do Plan de Recuperación do Goberno e aplaudiu a iniciativa do Concello para impulsar proxectos que contribúen ao desenvolvemento local. “A chegada destes fondos demostra que o Goberno de España segue investindo na mellora dos servizos públicos e na calidade de vida da xente, facendo que os fondos europeos cheguen a cada recuncho do noso país”, subliñou o subdelegado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario