O Rosal pon nome as súas mulleres esquecidas
• O Concello celebrará este 8M cun innovador roteiro guiado que percorrerá a historia de rosaleiras que foron clave no desenvolvemento do municipio. Inscrición previa no 986 625 000
• A xornada continuará ás 13.00 h cunha concentración na praza do Calvario
Infogauda / O Rosal
O Rosal vai conmemorar este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cunha iniciativa pioneira que pon en valor o papel das mulleres na historia do municipio. O roteiro guiado ‘8 Mulleres’ permitirá ás persoas participantes descubrir figuras femininas clave no desenvolvemento local, visibilizando as súas historias e reivindicando o seu legado, en moitas ocasións silenciado.
A actividade partirá ás 10.00 horas desde a Casa do Concello e percorrerá un itinerario circular urbano de 3 quilómetros con 8 paradas, algunhas dedicadas a unha ou varias mulleres e ao papel que desempeñaron ao longo da historia do Rosal e outras a espazos con legados femininos e mesmo con ausencia deles. A participación é de balde, pero será necesario inscribirse previamente no Concello chamando ao teléfono 986 625 000. Ademais, todas as persoas inscritas na actividade recibirán un agasallo conmemorativo.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destaca que “con esta iniciativa innovadora damos un paso máis para seguir revolucionando mentes e reivindicar o papel fundamental que tiveron e teñen as mulleres na nosa historia e na nosa sociedade. O 8M é unha data clave para seguir poñendo en valor os seus logros e loitas e para seguir avanzando cara á igualdade real”.
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, subliña que “é fundamental sacar á luz todas esas historias femininas que quedaron agochadas e que non se poden atopar nos libros de historia. Con este roteiro non só recoñecemos ás mulleres do Rosal, senón que tamén reflexionamos sobre a desigualdade e os retos que aínda temos por diante”.
A xornada conmemorativa do 8M rematará cunha concentración na praza do Calvario ás 13.00 horas, onde a veciñanza poderá unirse para reivindicar os dereitos e a igualdade de todas as mulleres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario