BALONMÁN FEMININO
María Palomo repite coas Guerreras
• A pivote do Mecalia Atlético Guardés disputará coa Selección Española o dobre partido eliminatorio contra Croacia por unha praza no Mundial 2025
• O compromiso comezará en solo croata o 10 de abril e o duelo de volta xogarase o 13 de abril en Alxeciras
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés volverá ter representación na próxima cita da Selección Española feminina. A pivote María Palomo repite coas Guerreras de Ambros Martín e xogará na seguinte concentración do conxunto nacional: unha eliminatoria a dobre partido contra a selección croata, o 10 e o 13 de abril, na que está en xogo unha praza no Campionato do Mundo de 2025.
Palomo xa fora convocada coa Selección Española a comezos deste mes de marzo para o Torneo Internacional de Manzanares, unha competición que enfrontou a España contra as seleccións de Arxentina e Austria e que servía coma preparatorio para esta eliminaria. A pivote era un dos novos nomes polos que apostaba o seleccionador Ambros Martín naquela prelista; e foi agora, xunto con June Loidi, unha das dúas ‘novas Guerreras’ que se repiten na convocatoria. O Torneo de Manzanares saldouse cun pleno de vitorias para España, e o papel da xogadora nestes resultados causou boas sensacións coma para que o equipo técnico decidira reservarlle de novo un oco no camiño cara a esa praza mundialista.
O preparador das Guerreras, así, declarou que María Palomo, naqueles poucos días de adestramento, é unha das novas incorporacións que o “convenceron plenamente” de que poden ser importantes no grupo “pola súa actitude e as súas ganas de querer e poder axudar ao equipo nacional, xunto ao resto de xogadoras que, a pesar da súa xuventude, xa levan disputado algún campionato internacional”. A pivote aportará o toque de novidade que, conxugado coa experiencia do resto da convocatoria, Ambros Martín indica que será importante ante Croacia, “un equipo bastante experto onde moitas das súas xogadoras xogan en competicións estranxeiras e, as que o fan na casa, xogan a Champions League”.
Así, a cita definitiva para que o conxunto nacional consiga a súa praza no Mundial deste ano (que se celebrará entre novembro e decembro en Alemaña e Países Baixos) terá lugar dentro de dúas semanas. O domingo 6 de abril comezará a expedición das Guerreras, que sairán de Madrid cara a Ljubliana, onde terán varias xornadas para preparar o duelo de ida da eliminatoria. Este primeiro encontro terá lugar o 10 de abril ás 17:30 horas no Sports Hall Fran Galovic Josip Samarzija BEPO, na cidade croata de Koprivnica.
Por último, a segunda parte da eliminatoria disputarase o 13 de abril ás 12:00 horas no Polideportivo Municipal Ciudad de Algeciras. Así, a selección feminina terá algo máis de dúas xornadas de reflexión e preparación entre partidos para enfrontarse na casa ao choque definitivo no que selar a súa praza no Campionato do Mundo 2025.
Dende o Mecalia Atlético Guardés dánlle os parabéns a María Palomo por esta nova convocatoria co conxunto nacional e reiteran o orgullo que sinten ao ver representado ao equipo na Selección Española.
A por esa praza mundialista, María!
María Palomo: “Vou coa mesma ilusión e as mesmas ganas que a outra vez”
A xogadora do Mecalia Atlético Guardés valorou positivamente recibir unha nova chamada da Selección, un feito que considera que “sempre é motivo de ledicia”. Palomo lembrou e destacou a súa experiencia coas Guerreras en Manzanares, declarando que neste caso acode “coa mesma ilusión e as mesmas ganas que a outra vez, a desfrutar”, entendendo o seu mantemento na convocatoria coma “un premio ao traballo de toda a tempada e de moitos anos atrás”.
Este recoñecemento, explica a pivote, é unha motivación para seguir “coa mesma actitude e co obxectivo de conseguir esa clasificación para o Mundial”. María Palomo fixa a intención do conxunto nacional: “gañar os dous partidos ante Croacia, malia que serán “moi pelexados, pero temos todas moitas ganas de conseguir o obxectivo”.
Convocatoria completa (prelista da que se realizarán dous descartes):
- Portería: Merche Castellanos (Costa del Sol Málaga) e Nicole Wiggins (OGC Nice Handball).
- Central: Alicia Fernández (CS Rapid Bucuresti) y Carmen Campos (BVB Dortmund)
- Lateral dereito: Paula Arcos (CS Gloria 2018 Bistrita), Seynabou Mbengue (CS Gloria 2018 Bistrita) e María O’Mullony (Caja Rural Aula Valladolid)
- Lateral esquerdo: Carmen Arroyo (Super Amara Bera Bera), Ester Somaza (KH-7 Granollers), Danila So Delgado (CS Gloria 2018 Bistrita) e June Loidi (Motivemarket.com Gijón)
- Estremo dereito: Anne Erauskin (Super Amara Bera Bera) e Paulina Pérez Buforn (Conservas Orbe Zendal Porriño)
- Estremo esquerdo: Jennifer Gutiérrez (RK Krim Mercator) e Ona Vegué (HSG Blomberg-Lippe)
- Pivote: Lyndie Tchaptchet (Super Amara Bera Bera), Kaba Gassama (SG BBM Bietigheim) e María Palomo (Mecalia Atlético Guardés).
Ningún comentario:
Publicar un comentario