A Xunta programa no Museo do Mar unha mostra de Nicolás Muller con fotografías das Rías Baixas
• Trátase dunha recompilación de imaxes das viaxes a Galicia dun dos fotógrafos documentais máis relevantes do século XX
• A exposición, comisariada por José Ferrero, abre o 13 de marzo e pode visitarse ata o 18 de maio
Infogauda / Vigo
O Museo do Mar de Galicia acollerá desde o 13 de marzo ata o 18 de maio a exposición Nicolás Muller en Galicia, unha mostra que recolle unha selección 50 imaxes das 700 fotografías que un dos documentalistas máis relevantes do século XX tomou en terras galegas durante as súas viaxes, moitas delas localizadas nas Rías Baixas. Así, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude segue a apostar polas itinerancias dos seus proxectos expositivos por todo o territorio, como é o caso desta proposta xestada na Cidade da Cultura.
Neste senso, cómpre destacar que esta mostra que se poderá ver en Vigo, e comisariada polo tamén fotógrafo José Ferrero, xorde a raíz da exposición Nicolás Muller. Vento Norte, que puido visitarse no Museo Centro Gaiás entre xullo e novembro do 2023. Deste xeito, esta nova versión nace co fin de continuar achegando a cultura a toda a poboación na liña da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.
As imaxes que compoñen a exposición teñen un gran valor documental e moitas delas teñen unha profunda conexión coas xentes do mar, dando conta de como o fotógrafo capturou fielmente a realidade das persoas traballadoras da Galicia dos anos 60. De feito, Muller foi quen de captar momentos da vida cotiá como xogos infantís, sorrisos e olladas cómplices, cunha humanidade especial que foxe do espectáculo ata nos seus retratos das clases traballadoras e máis desfavorecidas. No Museo do Mar, ademais, tamén se poderá ver un audiovisual que contextualiza e analiza a súa figura desde unha perspectiva actual.
Sobre Nicolás Muller
Nicolás Muller (Orosháza, Hungría, 1913 – Llanes, Asturias, 2000) é considerado un dos grandes fotógrafos documentais do pasado século. Muller viaxou ao norte da península por un encargo da editorial Clave, que lle pediu a creación de instantáneas para unha serie de libros que debían mostrar unha imaxe moderna de España. O seu obxectivo era romper o illamento do país e, ao mesmo tempo, tornalo atractivo para o turismo e o investimento estranxeiro. Con todo, as fotografías de Muller reflicten unha fonda ollada humanista, poñendo o foco nas xentes traballadoras, as mulleres e os nenos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario