3 de mar. de 2025

VIGO

A XUNTA DE GALICIA DESEÑA O PLAN DE USOS DO TEATRO CINE FRAGA PARA ERIXILO COMO ESPAZO ESCÉNICO, MUSICAL, AUDIOVISUAL E LITERARIO DE REFERENCIA NO NOROESTE PENINSULAR 

• O Consello dá o visto e prace ao informe da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que recolle tamén liñas estratéxicas para aproveitar o seu gran potencial 

•  Tirarase proveito dos 7.000 metros cadrados para ofrecer unha ampla programación que teña en conta as achegas da cidadanía ao longo do proceso participativo 

• A súa optimización permitirá acoller espectáculos de entre 860 e 2.000 persoas, á vez que laboratorios, residencias artísticas e accións formativas para o sector 

•  Potenciarase a implicación e consolidación de novos públicos coa creación dun club infantil e a realización de actividades e obradoiros dirixidos á cativada e á mocidade 

• Unha sala expositiva permanente porá en valor os vencellos deste emblemático edificio co desenvolvemento do cinema en Vigo e na Comunidade 




Infogauda / Vigo

 O Teatro Cine Fraga conta xa cunhas liñas estratéxicas definidas e un plan de usos perfilado co obxecto de converter este edificio emblemático da cidade de Vigo nun espazo escénico, musical, audiovisual e literario de referencia no noroeste peninsular. O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao informe con estas propostas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, enriquecido coas suxestións de particulares e entidades culturais que fixeron as súas achegas a través da campaña, presencial e virtual, O mellor espazo busca o mellor contido. 

 Estas medidas buscan tirar o máximo proveito e potencial deste simbólico inmoble de 7.000 metros cadrados, adquirido o verán pasado pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, co fin de consolidalo como un importante polo dinamizador da cultura da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. 

 Con este propósito, as medidas estratéxicas e usos non só están deseñadas para ofrecer unha programación ampla e diversa, que ten en conta a suxestións feitas pola cidadanía do ámbito de diferente disciplinas artísticas, senón para desenvolver no Teatro Cine Fraga un viveiro de creación e experimentación en todas elas que fagan del un epicentro de innovación cultural. 

Laboratorios e residencias artísticas 

 Deste xeito, a súa recuperación pasa por transformalo nun espazo arquitectónico flexible e polivalente que favoreza a produción e experimentación, a través de obradoiros e laboratorios de ideas vencelladas ás artes musicais, audiovisuais, e literarias. Nesta liña, proponse a posta en marcha de residencias artísticas para profesionais locais e tamén de todo o noroeste peninsular. 

 En todo caso, este pulo á creatividade tamén se complementará con actividades formativas que favorezan a profesionalización deste sector e que, consecuentemente, repercutan no desenvolvemento social e económico neste ámbito. 

Sala polivalente de ata 2.000 persoas para teatro, concertos ou cinema 

 No plan de usos tamén se salienta o dinamismo do edificio para optimizalo e organizar encontros, festivais e ciclos temáticos, en que se procurará a participación de creadores emerxentes xunto cos xa consolidados. Para iso, propiciaranse sinerxías e alianzas entre entidades culturais locais e do resto do territorio galego e noroeste peninsular. 

 Con este obxecto, tense en conta o feito de que disporá dunha sala que se pode transformar para acoller tanto espectáculos teatrais como concertos ou cinema, ao contar cun espazo flexible cunha capacidade para 860 persoas, cinguíndose só ao emprego de butacas, pero que permite albergar ata un total de 2.006, ao ser posible a retirada de parte dos asentos para certos espectáculos. 

Espazo museístico homenaxe ao cinema e a Isaac Fraga 

 O Teatro Cine Fraga tamén vai contar cun espazo museístico. Está concibido como unha área de pequeno tamaño, pero alto valor cultural, destinada a preservar, destacar e compartir os vencellos deste edificio co desenvolvemento do cinema na cidade olívica e Galicia. Cómpre lembrar que este inmoble foi encargado hai máis de 80 anos por Isaac Fraga, un dos exhibidores cinematográficos máis importantes na Comunidade naquela época. 

 Desta forma, procurarase que mostre a memoria viva da cultura audiovisual de Vigo e da Comunidade. Nesta liña, está prevista a recuperación do histórico órgano de cine, único que hai en España para acompañar as proxeccións. 

Creación e coidado de novos públicos e creadores culturais 

 Nas liñas estratéxicas deseñadas dáselle relevancia á inclusión dunha educación cultural temperá, garantindo a participación activa e consciente da infancia na vida cultural, como un xeito de coidar, alimentar e consolidar novos públicos e tamén creadores culturais. 

 Neste senso, proponse a posta en marcha de actividades e obradoiros dirixidos á infancia e á mocidade que estimulen a creatividade e a experimentación, vencellados á escritura creativa, á composición musical e á produción audiovisual. Ademais, avógase pola creación dun club infantil, que permita á cativada asistir e participar en eventos culturais que programe o Teatro Cine Fraga.

Cafetaría con dimensión cultural 

 Finalmente, a cafetaría tamén contará cunha definición de usos específica para ela neste plan da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, xa que ademais de servir de punto de encontro informal entre a cidadanía e este novo espazo cultural, se vai habilitar para determinados eventos e para desenvolver unha programación concreta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario