Cheo total para a estrea de “Transeúnte” de Daniel Rodríguez
• A estrea absoluta será este venres 21 de febreiro, ás 21:00 horas, no Teatro Municipal de Tui. As últimas entradas están á venda en tui.gal aos prezos de 12 e 9 euros
Infogauda / Tui
Gran acollida á estrea do espectáculo “Transeúnte”, do bailarín e coreógrafo Daniel Rodríguez, cuxa estrea absoluta do espectáculo - que está coproducido polo Centro Coreográfico Galego - será este venres, 21 de febreiro, ás 21:00 horas, no Teatro Municipal de Tui, onde se agarda un cheo absoluto.
“Transeúnte” é un espectáculo de danza contemporánea no que estarán en escena catro bailaríns —Daniel Rodríguez, Javier de la Asunción, Laura García, Andrea Pérez, e dous músicos en directo: Aida Tarrío, de Tanxugueiras, e Artur Puga, de Mondra.
“Transeúnte é unha viaxe, tanto para nós como para o público”, detallaba o propio Daniel Rodríguez. “Nace das miñas inquedanzas por descubrir cal é a viaxe do público non galego, porque cando eu ía de xira co meu traballo anterior podía ver que a xente vibraba coa nosa tradición e a nosa contemporaneidade. É saber que fai vibrar ás persoas”.
Este espectáculo celebra a diversidade cultural, resalta a nosa conexión como seres humanos e lévanos a unha viaxe que honra o pasado, vive o presente e busca e abraza o futuro.
As últimas entradas están á venda en tui.gal aos prezos de 12€ e 9€.
Daniel Rodríguez, bailarín e creador galego, comezou os seus estudos no mundo da danza en Tui, na Escola de Danza Paula Cobián. Graduouse polo Conservatorio Superior de Danza María de Ávila, de Madrid. Actualmente forma parte da Compañía Daniel Abreu na obra "Daley (Da)", da produción de Carla Diego Luque para Fran Sieira Compañía de Danza "Demente" e é co-creador do Colectivo Banquet. En 2022 creou o seu primeiro traballo "A raíz de" polo que recibiu o premio SóODOS en Danza Ourense 2022, amais do premio Xove do público xove, e foi nomeada mellor peza de rúa recibindo a "Escaleira de prata" no Festival Internacional AR.CA 2023.
Amais Daniel Rodríguez realiza proxectos coma director artístico e coreógrafo dos espectáculos e videoclips de artistas coma Mondra, Fillas de Cassandra ou Tanxugueiras. Precisamente o videoclip de Marimondra de Mondra, no que Daniel Rodríguez é o director de movemento, opta aos premios Mestre Mateo.
Preestrea do espectáculo
Esta mañá tivo lugar a preestrea do espectáculo para preto de 200 alumnos/as dos IES’s San Paio, Indalecio Pérez, o Colexio Maristas e o Seminario Menor. Ao remate Daniel Rodríguez e o seu equipo mantiveron un coloquio co alumnado, moi interesado en coñecer os pormenores de “Transeúnte” coma xestou, coma se fixo a coreografía, ou coma se reuniu o equipo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario