O concello de Tui abre un proceso de consulta pública para a nova ordenanza de conservación e rehabilitación de inmobles
• As achegas e opinións poden presentarse até o 6 de marzo
Infogauda / Tui
O Concello de Tui ten aberto un trámite de consulta pública para a elaboración da Ordenanza reguladora da conservación e rehabilitación de inmobles, informe de avaliación de edificios e rexistro municipal de solares. O obxectivo desta normativa é garantir a seguridade, salubridade, funcionalidade e ornato público dos terreos e edificacións do municipio.
Así poder contar con esta ordenanza permitirá poder aumentar a oferta de vivenda ao recoller a obriga de edificar ou rehabilitar, o que contribuirá á rehabilitación dos espazos urbanos nos que se atopan mellorando a calidade de vida e evitando o despoboamento desta zona. Ao tempo contribuirá á rexeneración do centro histórico tudense ao fomentar a conservación e o uso de edificio antigos, evitando o seu abandono e ruína. Amais permitirá ao Concello de Tui intervir sobre propiedades abandonas sen necesidade de recorrer á expropiación. Nun momento coma ao actual esta ordenanza converterase nunha ferramenta chave para recuperar inmobles abandonados, incrementar a oferta de vivenda e mellorar a calidade de vida.
Este proceso de consulta, enmarcado no artigo 133.1 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, permitirá que cidadáns, organizacións e colectivos interesados poidan achegar as súas opinións sobre os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.
A nova ordenanza busca adaptar a normativa vixente ás necesidades específicas do Concello de Tui, establecendo procedementos máis áxiles e claros para cumprir as obrigas de conservación e rehabilitación. Ademais, regulará os prazos e condicións que deberán cumprir os propietarios de inmobles en estado de abandono, ruína ou construcións paralizadas, así como a creación e funcionamento do rexistro municipal de solares.
As achegas e opinións poderán presentarse ata próximo xoves 6 de marzo de 2025, a través da Sede Electrónica do Concello de Tui.
Con este proceso participativo, o Concello de Tui busca mellorar a normativa urbanística local, garantindo unha xestión eficaz do patrimonio inmobiliario e fomentando a conservación e rehabilitación do entorno urbano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario