27 de feb. de 2025

TUI

O concello de Tui abre un proceso de consulta pública para a nova ordenanza de conservación e rehabilitación de inmobles 

 As achegas e opinións poden presentarse até o 6 de marzo 


Inmoble en estado de abandono
Foto: C.T.


Infogauda / Tui

 O Concello de Tui ten aberto un trámite de consulta pública para a elaboración da Ordenanza reguladora da conservación e rehabilitación de inmobles, informe de avaliación de edificios e rexistro municipal de solares. O obxectivo desta normativa é garantir a seguridade, salubridade, funcionalidade e ornato público dos terreos e edificacións do municipio.  

 Así poder contar con esta ordenanza permitirá poder aumentar a oferta de vivenda ao recoller a obriga de edificar ou rehabilitar, o que contribuirá á rehabilitación dos espazos urbanos nos que se atopan mellorando a calidade de vida e evitando o despoboamento desta zona.  Ao tempo contribuirá á rexeneración do centro histórico tudense ao fomentar a conservación e o uso de edificio antigos, evitando o seu abandono e ruína.  Amais permitirá ao Concello de Tui intervir sobre propiedades abandonas sen necesidade de recorrer á expropiación. Nun momento coma ao actual esta ordenanza converterase nunha ferramenta chave para recuperar inmobles abandonados, incrementar a oferta de vivenda e mellorar a calidade de vida.  

 Este proceso de consulta, enmarcado no artigo 133.1 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, permitirá que cidadáns, organizacións e colectivos interesados poidan achegar as súas opinións sobre os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.  

 A nova ordenanza busca adaptar a normativa vixente ás necesidades específicas do Concello de Tui, establecendo procedementos máis áxiles e claros para cumprir as obrigas de conservación e rehabilitación. Ademais, regulará os prazos e condicións que deberán cumprir os propietarios de inmobles en estado de abandono, ruína ou construcións paralizadas, así como a creación e funcionamento do rexistro municipal de solares.  

 As achegas e opinións poderán presentarse ata próximo xoves 6 de marzo de 2025, a través da Sede Electrónica do Concello de Tui.  

 Con este proceso participativo, o Concello de Tui busca mellorar a normativa urbanística local, garantindo unha xestión eficaz do patrimonio inmobiliario e fomentando a conservación e rehabilitación do entorno urbano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario