18 de feb. de 2025

TOMIÑO

Tomiño adhírese ao “Plan 2 Millóns” para promover o benestar físico e mental da poboación  

 O goberno local celebrou a 2ª Mesa Intersectorial da Saúde coa participación dos diferentes organismos que traballan no sector   


Nesta segunda reunión participaron representantes de distintos organismos do campo da saúde física e mental, como os servizos sociais do Concello, Asociación Vontade de persoas con discapacidade, farmacias e ximnasios locais, persoal do centro de saúde local, alcaldesa e concelleiros de Benestar Social e Deportes e Mocidade, Lecer e Participación Veciñal
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño  

 O Concello de Tomiño avanza na súa estratexia de promoción da saúde e prevención. Nun segundo encontro da Mesa Intersectorial da Saúde, celebrada a semana pasada, Tomiño subscribiuse ao “Plan 2 Millóns” promovido polo Clúster do Deporte Galego, co fin de converterse nun referente da actividade física, mellorando a saúde física e mental e  a calidade de vida de toda a poboación.  

 Nesta segunda reunión participaron representantes de distintos organismos do campo da saúde física e mental, como os servizos sociais do Concello, Asociación Vontade de persoas con discapacidade, farmacias e ximnasios locais, persoal do centro de saúde local, alcaldesa e concelleiros de Benestar Social e Deportes e Mocidade, Lecer e Participación Veciñal. Á xuntanza, celebrada no Salón de Plenos, asistiu tamén o vicepresidente do Clúster do Deporte Galego, Francisco Cortegoso, quen explicou en detalle os obxectivos do “Plan 2 Millóns”. “Organizamos eventos e actividades deportivas para loitar co sedentarismo, para conseguir unha sociedade saudable e un aforro sanitario, partindo do deporte como motor de desenvolvemento”, explicou. 

 Segundo indicou, na actualidade 1.300.000 persoas fan actividade física en Galicia e o reto deste plan é elevar a cifra ata os 2 millóns.  

 A alcaldesa Sandra González, subliñou que “esta adhesión é un compromiso firme co benestar dos nosos veciños e veciñas. A saúde non é só non padecer enfermidades, senón a promover hábitos de vida saudables que nos axuden a ter unha maior calidade de vida”. A rexedora explicou que a idea do goberno local é implicar a todos os sectores relacionados co campo da saúde e o benestar, para a organización de diferentes campañas de promoción de hábitos saudables ou de loita contra problemas como o tabaquismo, o alcoholismo o sedentarismo, a obesidade, etc., e abordalo a diferentes niveis, co Concello como catalizador ou organizador das actividades que se propoñan para mellorar a calidade de vida dos cidadáns. “Creo que sería bo establecer un obxectivo concreto, un reto, e fixar un tempo para levar a cabo iniciativas e medidas sinaladas como boas prácticas destinadas a promover a saúde e previr doenzas, lesións, actuando de maneira integral”.  

 O concelleiro de Deportes e Benestar, Rubén García, pola súa banda, salientou que é importante “empezar facendo saber á veciñanza a existencia desta Mesa da Saúde e traballar con iniciativas concretas para que nos vaia coñecendo e poder logo implicar á xente”.    

 O Concello de Tomiño leva tempo xa traballando neste camiño con accións como a posta en marcha da súa axenda ‘Impacto Saudable’, unha iniciativa pioneira a través da que se deseña un programa co para promover a actividade e os hábitos de vida saudables entre a veciñanza. O Concello porá en marcha novas actuación centradas na divulgación de información de calidade para que as persoas poidan coñecer os recursos dispoñibles na contorna. Ademais de na poboación adulta, estas accións tamén se focalizarán na poboación infantil e durante o embarazo e a lactancia. Para as persoas maiores de 70 anos plantéxase poñer en marcha un plan de seguimento para a mellora da saúde e a prevención da fraxilidade para que a veciñanza destas idades manteña un maior nivel de autonomía o máximo tempo posible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario