15 de feb. de 2025

SOUTOMAIOR

A Deputación de Pontevedra pon en marcha este domingo no Castelo de Soutomaior o obradoiro de ecoimpresión enmarcado na programación deseñada arredor da camelia 

 Este domingo tamén terá lugar o percorrido Camelia e saúde, que se repetirá entre o 11 e o 16 de marzo para divulgar as propiedades beneficiosas desta flor na cosmética natural




Infogauda / Soutomaior

 A Deputación de Pontevedra pon a funcionar este domingo, 16 de febreiro, ás 11:00 horas, o obradoiro de ecoimpresión no marco da programación arredor da camelia deseñada pola institución provincial. Trátase dunha oportunidade para descubrir a técnica de estampaxe botánica sobre tea utilizando follas e pigmentos naturais. No obradoiro, de dúas horas de duración e no que participará público adulto, cada persoa participante se implicará no proceso desde a recollida respectuosa de exemplares nos xardíns do castelo de Soutomaior ata a estampaxe nun pano.  

 Ademais desta actividade o domingo, ás 11:00 horas, terá lugar unha visita guiadas temática de hora e media de duración polos xardíns do Castelo de Soutomaior para descubrir as camelias e a súa relación coa saúde e a cosmética natural. Tamén segue operativo a paisaxe urbana da camelia, experiencia similar aos coñecidos xogos de escape pero ao aire libre, no que as e os participantes deberán resolver a través dunha ruta circular de dúas horas enigmas e probas nos xardíns do castelo. A paisaxe urbana é unha experiencia dixitalizada, gratuíta e para todos os públicos, na que só é necesario o teléfono móbil e conexión a internet para poder ler o código QR dispoñible no despacho de billetes do castelo e seguir a actividade.  

 Ao longo de febreiro e marzo será posible gozar tamén doutros percorridos especiais centrados na relación da camelia con diferentes ámbitos como a literatura, con percorridos do 25 de febreiro ao 2 de marzo e do 25 ao 30 de marzo, ou a moda, con visitas entre o 4 e o 9 de marzo. Os percorridos centrados na relación entre camelias e saúde repetiranse entre o 11 e o 16 de marzo e ademais están programadas visitas guiadas grupais, para escolares e tamén percorridos individuais para coñecer o xardín de excelencia internacional.  

Obradoiros e contacontos  

 A Deputación tamén deseñou diferentes obradoiros arredor da camelia, tanto para nenos como para público adulto. Desta maneira, o obradoiro de ecoprint, dirixido a público adulto, repetirase o 16 de marzo, ás 11:00 horas, e para os pequenos e pequenas a partir de tres anos haberá dous obradoiros diferentes: por unha banda, un de origami, “Arte con papel”, que terá lugar os días 22 de febreiro e 22 de marzo ás 16:30 horas; e o de pintura ao aire libre, “Pinceladas de Camelia”, que terá lugar o 2 de marzo tamén ás 16:30 horas.  

 Ademais, os días 23 de febreiro e 23 de marzo, ás 16:30 horas e cunha duración dunha hora, terá lugar o contacontos “Lendas que florecen”, que incluirá relatos inspirados na maxia das camelias e na historia do castelo pensado para o público infantil a partir dos 3 anos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario