6 de feb. de 2025

OIA

Oia mellora a pista multideporte de Loureza grazas a unha axuda da Xunta de Galicia de 50.000 € 

 O investimento da Xunta permitiu sufragar máis do 50 % do custe total da obra  

 O concello de Oia recibiu unha segunda achega de 2.000 euros para a compra de varias mesas de pimpón


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, coa alcaldesa e membros da corporación municipal de Oia, na área deportiva de Loureza
Foto: X.G.

Infogauda / Oia 

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou, xunto á alcaldesa de Oia, Cristina Correa, o resultado das obras de acondicionamento da área deportiva de Loureza.  

 As obras, que consistiron na posta a punto e renovación dunha pista multideporte no lugar de Lourenza, foron posibles grazas ás axudas da Xunta para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable.  

 Para a execución da obra levada a cabo no lugar de Lourenza, o concello de Oia recibiu unha achega de 50.000 euros repartidos en dúas anualidades, o que supón máis do 50 % do custe total dos traballos.  

 Cabe destacar que o concello de Oia recibiu unha segunda achega, dentro da liña de axudas para a compra de material deportivo, de máis de 2.000 euros que foron destinados a compra de varias mesas de tenis de mesa.  

 Estas axudas contaron cun orzamento de máis de 5,8 millóns concedidos entre as anualidades do 2023 e o 2024. Na provincia de Pontevedra beneficiáronse preto de 30 concellos por valor de preto de 1,2 millóns de euros.  

 O delegado territorial destacou os bos resultados dos traballos e lembrou a importancia de “manter en boas condicións as instalacións deportivas públicas, non só para fomentar os hábitos saudables entre os máis pequenos, senón porque ademais son unha magnifica forma de dar vida ás parroquias e fixar poboación nova nas mesmas”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario