5 de feb. de 2025

O ROSAL

Memoria e futuro na reapertura da renovada Casa-Escola de Fornelos  

• Máis de 200 persoas rosaleiras participaron nunha inauguración chea de emocións coa que se devolve á veciñanza un espazo de encontro e convivencia   


A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, con persoas veciñas, na inauguración da renovada Casa-Escola de Fornelos
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal  

 A emoción e a ledicia tinguiron Fornelos a pasada fin de semana na inauguración da súa renovada Casa-Escola. Máis de 200 persoas déronse cita para celebrar a rehabilitación deste inmoble histórico construído en 1955 que volve abrir as súas portas como lugar de encontro e de actividade social despois de anos en desuso.  

 A veciñanza, especialmente da xuradía de Fornelos, viviu con gran intensidade a reapertura da Casa-Escola, sobre todo ao reencontrarse co pasado a través da exposición ‘Memorias de Fornelos’, que reúne máis de 150 fotografías de diferentes épocas desta xuradía rosaleira. Unha recompilación de imaxes que espertaron sorrisos, emocións e conversas cheas de recordos entre todas as xeracións asistentes á inauguración. Dado o éxito da mostra e a petición de persoas rosaleiras, o Concello volveu abrir a exposición ao público esta semana, este mércores 5 de febreiro pola mañá e o xoves 6 de 16.00 a 21.00 h. 

 Nun acto no que non faltou unha chocolatada e a música de Airiños do Folón, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou “a importancia deste proxecto co que Fornelos recupera un anaco da súa historia, pero tamén gaña un espazo para o futuro. Queremos que esta Casa-Escola volva ser un lugar de encontro, de convivencia e de vida, onde a veciñanza se sinta como na casa”. 

 Coa rehabilitación da Casa-Escola de Fornelos o Concello dá un novo paso na recuperación do seu patrimonio histórico e na creación e recuperación de espazos públicos para as persoas. A rehabilitación do inmoble, que durante anos serviu como almacén, supuxo un investimento de máis de 107.000 euros para transformar os seus 120 metros cadrados nun espazo moderno e eficiente enerxeticamente, con sala de convivencia, sala de reunións, aseo adaptado e un pequeno despacho. O proxecto de rehabilitación realizouse atendendo ás necesidades recollidas nun proceso participativo posto en marcha polo Concello en 2023, no que veciñanza e asociacións contribuíron coas súas ideas e achegas para dar forma ao actual espazo.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario