O Rosal avanza na mellora dos seus camiños rurais cunha nova intervención estratéxica na contorna de Marzán
• O Concello licita a adecuación destes camiños cun investimento de case 120.000 euros. Data límite de presentación de proxectos, 6 de marzo
Infogauda / O Rosal
O Rosal segue a apostar pola mellora da mobilidade e da seguridade viaria coa posta en marcha dunha nova intervención estratéxica en varios camiños rurais do municipio. O Concello vén de sacar a licitación as obras de adecuación na contorna de Marzán, do Camiño de Marzán; do Camiño do Xogo, e do Camiño da Crangosta, cun investimento de case 120.000 euros.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou a importancia desta actuación para “seguir mellorando e facer do Rosal un concello máis accesible, seguro e adaptado ás necesidades da nosa veciñanza. Estas intervencións non son un arranxo puntual, senón parte dun compromiso continuo co noso municipio e cos rosaleiros e rosaleiras”.
As obras, que terán un prazo de execución de tres meses, incluirán a roza das marxes, recorte do pavimento deteriorado, melloras na drenaxe ou a restauración e mellora das superficies de rodadura para garantir unha circulación máis segura e confortable. Ademais procederase á escavación e ensanche de caixas nas zonas necesarias, á instalación de colectores de PVC e á execución dun sistema de recollida de augas pluviais, entre outras intervencións.
As empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 6 de marzo. Con estas novas accións, financiadas ao 97% a través do Plan +Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra e nun 3% con fondos propios do Concello, o Goberno municipal segue a traballar na modernización e posta a punto das infraestruturas viarias, garantindo unha mobilidade rural máis segura e eficiente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario