11 de feb. de 2025

O ROSAL / TOMIÑO

O patrimonio cobra nova vida da man de 20 persoas veciñas do Rosal e Tomiño  

 13 mulleres e 7 homes continúan coa formación teórico-práctica remunerada en carpintaría e albanelería no obradoiro para persoas desempregadas posto en marcha por ambos concellos   


Persoas participantes no proxecto O noso patrimonio – Obradoiro de Emprego Roteiros Etnográficos O Rosal – Tomiño

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal e Tomiño 

 O pasado cobra nova vida no Rosal e Tomiño con O noso patrimonio – Obradoiro de Emprego Roteiros Etnográficos O Rosal – Tomiño, onde 20 persoas desempregadas xa están transformando non só a súa realidade profesional, senón tamén a paisaxe patrimonial da comarca. Con 13 mulleres e 7 homes de diferentes niveis formativos entre o alumnado, este proxecto destaca pola alta participación feminina nun sector tradicionalmente masculinizado como a carpintaría e a albanelería. 

 Impulsado de forma conxunta polos concellos do Rosal e Tomiño, o obradoiro arrancou o pasado 13 de decembro e xa superou os primeiros dous meses de formación teórico-práctica remunerada. Durante este tempo, o alumnado completou módulos fundamentais de prevención de riscos laborais e igualdade, ademais de iniciarse nos primeiros contidos dos certificados de profesionalidade en Masas e Morteiros, en Albanelería; e Mecanizados de Madeira e Derivados, en Carpintería. 

 A formación inclúe coñecementos esenciais sobre o sistema métrico, medidas de superficies, croquis e planos, así como o manexo das distintas ferramentas e maquinaria propias de cada especialidade. Ademais, o grupo traballou na preparación dos talleres, organizando e acondicionando os espazos para o inicio das prácticas. Un proceso que lles permitirá enfrontarse a obras reais e aplicar os seus coñecementos en proxectos que beneficiarán á comunidade. 

 As alcaldesas do Rosal e Tomiño, Ánxela Fernández Callís e Sandra González, subliñan a importancia deste proxecto tanto a nivel profesional como social, xa que o obradoiro “non só ofrece oportunidades laborais a veciños e veciñas, senón que tamén demostra que aprender un oficio é unha forma de construír comunidade, preservar a historia e abrir portas cara ao futuro”.   

Recuperación do patrimonio con impacto social 

 O obradoiro ten un dobre obxectivo: formar ao alumnado para que obteñan unha cualificación profesional e, ao mesmo tempo, levar a cabo actuacións de mellora en espazos patrimoniais e naturais dos dous concellos. Entre os traballos previstos destacan no Rosal a restauración de muíños, mellora de camiños, regatos e canles de auga, colocación de pasarelas e varandas e instalación de nova sinalización en enclaves como a zona do Folón e o camiño de Portecelo. Mentres, en Tomiño realizaranse intervencións no Muíño da Regueira; no lavadoiro do Marco; no muíño e fonte do Pedro; no cruceiro da Soidade; e no lavadoiro do Regatiño. 

Unha aposta pola igualdade e a profesionalización 

 A composición do alumnado reflicte unha realidade cada vez máis visible: as mulleres están a gañar presenza en sectores que tradicionalmente foron masculinos. Con 65% das participantes mulleres, este obradoiro non só fomenta a recuperación patrimonial, senón que tamén contribúe á construción dunha contorna laboral máis equitativa. 

 As actuacións sobre o terreo comezarán nos vindeiros días, momento no que as persoas participantes poderán poñer en práctica os coñecementos adquiridos. Mentres tanto, o equipo formativo formado por especialistas en carpintería e albanelería, unha administrativa, unha titora e unha directora continúa traballando para que esta experiencia marque un antes e un despois na traxectoria profesional do alumnado e na conservación do patrimonio de O Rosal e Tomiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario