CIG-Industria insta as patronais a abordar a posibilidade de negociar un acordo galego para o sector do metal
• Atendendo á modificación lexislativa que dá prevalencia aos convenios e acordos interprofesionais de ámbito autonómico sobre os estatais
Infogauda / Galiza
Delegados e delegadas da CIG-Industria concentráronse de xeito simultáneo este mediodía na sede de ASIME en Vigo, e diante das confederacións de empresarios/as da Coruña, Ourense e Lugo para instar as patronais do sector do metal a explorar a posibilidade de promover un acordo galego para a industria do metal.
No decurso das protestas, aproveitouse para facer entrega dun escrito solicitándolle ás 16 patronais presentes nas comisións negociadoras a celebración de xuntanzas para abordar a modificación lexislativa introducida no Estatuto das persoas traballadoras que permite negociar convenios e acordos interprofesionais autonómicos que prevalezan sobre calquera outro convenio sectorial ou acordo de ámbito estatal.
O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi 'Tupi', lembrou ás portas de ASIME en Vigo que en Galiza existen catro convenios provinciais de siderometal, que atinxen a un amplo número de empresas e persoas traballadoras que estarían afectadas directa ou indirectamente por estes convenios colectivos. "Este é un sector moi diverso en canto á composición das empresas que o forman e cunhas características diferentes no que son os produtos finais que elaboran e comercializan", sinalou.
"Unha vez que a lexislación o permite, o que queremos é que se cumpra a lei", salientou Bouzas Aboi, explicando que a modificación do artigo 84 do ET ampara este tipo de acordos a nivel autonómico, sempre que a súa regulación resulte máis favorábel para as persoas traballadoras que a fixada nos convenios ou acordos estatais.
"A CIG sempre defendeu a necesidade dun Marco Galego de Relacións Laborais, por iso apostamos por un acordo galego para o sector dándolle prioridade aplicativa e buscando ter a mesma prioridade, se é o caso, para os convenios provinciais e que queden así blindados fronte ao convenio estatal".
Un marco galego, sinalou, que ademais de servir para negociar novas materias e blindar as melloras que se consigan, "serviría tamén para evitar a competencia desleal que se dá entre empresas de determinadas provinciais".
Previamente ás concentracións, celebráronse asembleas nos locais sindicais de Vigo, A Coruña, Lugo e Ourense para tratar esta cuestión coas delegadas e delegadas da CIG no metal. Nestas púxose de relevancia a necesidade dun acordo galego tomando o exemplo dos convenios provinciais do transporte de viaxeiros/as por estrada, blindados pola existencia dun acordo marco galego de sector. No lado oposto, atópanse os convenios provinciais da construción sobre os que prevalece o convenio estatal do sector. "Isto provocou unha situación tan prexudicial para as traballadoras e traballadoras de Pontevedra como que o seu convenio fora impugnado por contemplar mellores condicións que as pactadas a nivel estatal".
"Temos a ferramenta legal para evitar que se dean estas situacións e por iso instamos as patronais do metal a explorar a posibilidade de negociar un acordo galego para o sector", concluíu o secretario nacional da CIG-Industria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario