20 de feb. de 2025

ECONOMÍA

O Concello de Tui reforza o seu compromiso co emprego 

 Na última década o paro no municipio pasou do 30% ao 12% 


Casa do Concello de Tui
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 O desemprego no Concello de Tui experimentou unha notable diminución nos últimos anos, pasando do 30,81% en 2013 ao 11,99% en decembro de 2024. En decembro de 2024 eran 945 as persoas que estaban en situación de desemprego en Tui, o que supón unha mellora respecto ás 1.041 rexistradas en 2023 e ás 1.303 de 2020.  

 Esta tendencia positiva reflicte o esforzo conxunto das diferentes administracións públicas e do sector produtivo local para fomentar a empregabilidade e fortalecer o mercado laboral na zona. Neste contexto, o goberno municipal de Tui reafirmou o seu compromiso coas políticas activas de emprego a través da execución de 3 Programas Integrados de Emprego e 3 Obradoiros de Emprego que, desde o ano 2019, mobilizaron máis de 2.000.000 de euros e melloraron a empregabilidade de máis de 350 persoas.  

 Por outra banda, o goberno municipal reforzou o seu apoio ás persoas desempregadas a través do Servizo de Orientación Laboral, un recurso clave para o acompañamento e asesoramento das persoas na procura de emprego.  

Evolución do desemprego en Tui 

 A mellora nos índices de emprego en Tui mantense constante desde 2015, cando a taxa de paro acadaba o 25,02% con 1.834 persoas desempregadas. Dende entón, o descenso foi progresivo grazas ás políticas activas de emprego xestionadas e a outras iniciativas municipais en colaboración con entidades e empresas que favoreceron a formación e a inserción laboral.  

 Actualmente, o sector servizos concentra o maior número de persoas desempregadas (629), seguido da industria (106), a construción (67) e a agricultura e a pesca (44). En canto ao desemprego por xénero, as mulleres representan o 59,47% do total (562 desempregadas), mentres que os homes supoñen o 40,53% (383).  

Compromiso municipal co emprego 

 O goberno local aposta por desenvolver e impulsar o Servizo de Orientación Laboral, situado no Centro Municipal de Formación en Guillarei, co obxectivo de ofrecer asesoramento personalizado, formación e recursos para a procura de emprego. Durante 2024, 91 persoas foron usuarias da bolsa de emprego municipal, das cales 36 lograron inserirse no mercado laboral.  

 Entre as accións desenvolvidas polo servizo, destacan a elaboración de itinerarios personalizados de inserción, formación en ferramentas de busca de emprego, asesoramento para a elaboración de currículos e preparación para entrevistas. Ademais, organízanse obradoiros para fortalecer as competencias laborais e formación en capacitación dixital para reducir a fenda dixital tanto na procura de emprego coma na vida cotiá da sociedade en xeral.  

 Unha das ferramentas máis útiles do servizo de orientación é a bolsa de emprego municipal, que conecta de xeito eficiente ás persoas demandantes de emprego coas empresas da contorna, simplificando e axilizando o proceso de selección de persoal de forma gratuíta.  

 As persoas interesadas en acceder ao Servizo de Orientación Laboral ou as empresas interesadas en recibir apoio nos seus procesos de recrutamento poden solicitar cita previa no teléfono 986 60 32 28 ou a través do correo electrónico orientacion@tui.gal. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario