REMO
XXII BANDEIRA DE BATEIS CONCELLO DE A GUARDA - MEMORIAL ANTONINO TORRÓN FERNÁNDEZ
• Sábado 1 de marzo, ás 15:30 horas, no porto de A Guarda
Redacción Deportes / A Guarda
O vindeiro sábado, día 1 de marzo, a partir das 15:30h, o porto de A Guarda acollerá a XXII Bandeira de Bateis Concello da Guarda, Memorial Antonino Torrón Fernández, un evento deportivo organizado polo Club de Remo Robaleira.
A actividade forma parte do calendario de regatas da Federación Galega de Remo e contará coa participación de 11 clubs da provincia de Pontevedra, que competirán en diferentes categorías, desde alevín ata senior.
Na regata disputaranse dúas bandeiras: unha feminina e unha masculina, e o club con máis puntuación será o que se faga con cada unha delas.
Ademais, haberá medallas para os tres primeiros postos de cada categoría.
Debido as condicións do campo de regatas, que impiden colocar as 5 boias regulamentarias e limitan a participación a só 3 boias, a regata non será puntuable. Debido a estas restricións, só poderán competir os barcos de tipo A. Con todo, a participación será numerosa, con preto dun centenar de barcos previstos para a xornada.
A XXII Bandeira de Bateis non é soio unha oportunidade para desfrutar do deporte do remo de banco fixo, e apoiar as diferentes tripulacións dos clubes participantes, senón tamén unha merecida homenaxe póstuma ao prezado Antonino Torrón Fernández, figura destacada na historia do remo galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario