Luis López presenta a axenda da Deputación para a promoción das Rías Baixas en Fitur, máis de quince actos en tres xornadas para dicirlle ao mundo: “Cando volves?”
• O presidente provincial participará, xunto con outros membros do seu goberno, nas presentacións da campaña de Turismo Rías Baixas, da Bienal de Arte de Pontevedra, da Vía Mariana e da lamprea como reclamo gastronómico do Condado e A Paradanta
Infogauda / Pontevedra
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de presentar a “intensa e completa” axenda prevista polo organismo provincial para a promoción o destino turístico Rías Baixas en Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebra a vindeira semana en Madrid. O programa da Deputación xira arredor da presentación da campaña “Cando Volves”, que este ano cambiou por primeira vez a capital do país pola capital da provincia para a súa estrea, pero inclúe accións para dar a coñecer outros importantes atractivos turísticos para o territorio neste ano 2025 como son a recuperación da Bienal de Arte, que regresa este ano despois de quince anos de ausencia; a presentación da Vía Mariana ou a divulgación da lamprea como reclamo gastronómico. “Unha ampla variedade de eventos, cun mesmo fin, divulgar unha provincia extraordinaria como esta, á que hai que ir e despois, volver. Como di a nosa campaña”, resumiu o mandatario provincial.
Os principais actos previstos pola Deputación para a promoción do destino Rías Baixas celebraranse por segundo ano consecutivo no stand que Turismo de Galicia ten nesta feira de impacto mundial. A acción da expedición pontevedresa en Madrid comezará o mércores 22, ás 18.30 horas, coa participación do presidente Luis López, xunto con outros membros do goberno provincial, na presentación da Bienal de Arte de Pontevedra e, acto seguido, na proposta da Vía Mariana. Antes, os representantes do ente provincial estarán presentes na presentación da campaña da Xunta “Galicia, tierra acogedora”, así como na estrea da campaña do Clúster de Turismo de Galicia, de Turexpo Galicia 2025 e da Mancomunidade do Salnés. Así mesmo, está prevista a participación de Luis López no programa Gente Viajera, de Onda Cero, e á visita ao posto de Fitur Screen cos responsables da Spain Film Comission, ademais do encontro aos postos das empresas da provincia como CN Travel ou Interrías.
O xoves, ás 12.30 horas no posto de Turismo de Galicia, terá lugar o acto central da axenda provincial en Fitur coa presentación da campaña de Turismo Rías Baixas “Cando volves?”, na que tamén participará o presidente Luis López. Nesta xornada, está prevista tamén a asistencia ao acto de entrega dos distintivos Sicted e as presentacións dos xeodestinos Deza-Tabeirós, centrada na tradición e agastronomía; e Condado Paradanta, arredor da lamprea.
Ningún comentario:
Publicar un comentario