31 de xan. de 2025

TUI

Aprobada a modificación urbanística que permitirá a rehabilitación da antiga aduana en Tui  

 Axústanse as aliñacións e segrégase o edificio que na parte privada acollerá a sede da Cámara de Comercio  


Inmoble da antiga aduana
Foto: C.T.


Infogauda / Tui

 A recuperación da contorna da antiga aduana na Avenida de Portugal, a carón da vella ponte internacional, vén de dar un paso importante ao culminar o proceso de modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal neste punto, iniciado polo Concello de Tui a instancias da Cámara de Comercio. En concreto no DOG de onte xoves publicouse a resolución da Dirección Xeral de Urbanismo, da Xunta de Galicia, na que se recolle a aprobación da modificación puntual número 3 do Plan Xeral de Ordenación Municipal, PXOM, de Tui. Con este visto e prace complétase unha longa tramitación que permitirá rehabilitar un inmoble histórico por parte da Cámara de Comercio para albergar a súa sede, así coma reorganizar urbanisticamente a zona.  

 A modificación aprobada recolle tanto o axuste das aliñacións e rasantes para adaptalas ás necesidades actuais coma aos usos dos edificios existentes, un de titularidade privada e outro pública. Así o inmoble da antiga aduana, de titularidade privada, poderá ser rehabilitado pola Cámara de Comercio, para o que terá agora que presentar o proxecto no Concello de Tui. O outro edificio, pertencente ao Ministerio do Interior, quedou en desuso tras o traslado este mesmo mes do Centro de Cooperación Policial e Aduaneira ao novo edificio inaugurado o pasado día 9.  

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou a súa satisfacción por “ver cumprida esta tramitación tras toda esta xestión que levamos feita todo este goberno”. Destacou a importancia desta aprobación que da resposta a unha demanda histórica. Así salientou que “estivemos traballando durante todo este tempo en materializar esa modificación puntual que, afortunadamente, onte xa superou o último trámite con esa publicación e, polo tanto, vai permitir a reordenación desa zona”. Explica que “non so permitirá a rehabilitación desta edificación, senón tamén a reordenación dos usos e as aliñacións nese ámbito”.  Estas actuación súmanse, sinalou Enrique Cabaleiro “á obra importante que nestes momentos estamos acometendo de recuperación urbana” na Avenida de Portugal, á que se une a construcción do novo edificio do CCPA.  Todo isto permitirá “mellorar notablemente a imaxe da entrada a Galicia desde Portugal”.     

 Tal e como recolle a resolución publicada no DOG esta modificación urbanística inscribirase no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, e a documentación completa estará dispoñible para consulta pública.  

 A modificación puntual nº 3 do PXOM foi aprobada inicialmente en pleno pola corporación municipal de Tui en 2018, e obtivo a aprobación provisional en 2023. O interese público deste cambio na planificación urbanística “fundaméntase nas características do inmoble obxecto da actuación e na súa contorna xa que se trata dun ámbito con gran valor tanto estratéxico como simbólico para Tui” segundo recolle a resolución. Engade que a modificación “trata de contribuír á dinamización do ámbito da aduana e da fronteira tradicional con Portugal, formando parte do Camiño de Santiago Portugués”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario