O GRUPO MUNICIPAL DO BNG DE TUI DENUNCIA O REXEITAMENTO DO PP ÁS EMENDAS CLAVE PARA MELLORAR TUI E O BAIXO MIÑO NOS ORZAMENTOS DA XUNTA
Grupo Municipal do BNG de Tui
O Grupo Municipal do BNG de Tui quere informar á cidadanía tudense sobre as emendas presentadas aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2025, orientadas a mellorar a calidade de vida no noso concello e na comarca do Baixo Miño. Estas propostas, fundamentais para resolver problemas estruturais que afectan a Tui, reflicten o compromiso do BNG con mellorar os servizos públicos e as infraestruturas na nosa terra.
Porén, todas estas emendas, a pesar da súa importancia e impacto positivo para Tui e o Baixo Miño, foron rexeitadas no Parlamento Galego polos votos do Partido Popular. Este feito evidencia claramente o desinterese do PP por mellorar as condicións de vida da nosa veciñanza e pola resolución das problemáticas que afectan ao noso territorio. As propostas do BNG inclúen os seguintes proxectos:
1.Mellora das conexións en transporte público por estrada da comarca do Baixo Miño con Vigo, os seus hospitais de referencia e o CUVI. Proponse un investimento de 1.000.000 euros para facilitar a mobilidade, garantindo un transporte público de calidade que conecte de maneira efectiva o Baixo Miño con Vigo e os seus servizos fundamentais.
2.Incremento do patrimonio público de vivenda no Baixo Miño. Reclamamos a promoción ou adquisición pública de vivendas para facer fronte á demanda de vivenda social na nosa comarca, atendendo a unha das principais problemáticas sociais.
3.Mellora da estrada PO-404 ao paso por Guillarei, Paramos, Baldráns e Caldelas de Tui. Destínanse 500.000 euros para mellorar esta vía esencial para o tráfico e a seguridade nas parroquias tudenses.
4.Mellora da PO-342 ao paso polas parroquias de Rebordáns e Ribadelouro en Tui. Inclúese outra partida de 300.000 euros para modernizar esta estrada, incrementando a seguridade viaria e as condicións de circulación.
5.Dotación dunha ambulancia SVA no Baixo Miño. A atención sanitaria urxente é unha prioridade para o BNG, e esiximos recursos para dotar de ambulancia de soporte vital avanzado (medicalizada) a toda a comarca.
6.Elaboración do proxecto para un novo edificio no CEIP de Pazos de Reis ou melloras no actual. Propoñemos unha partida inicial de 50.000 euros para iniciar o proxecto de construción dun novo centro ou, de ser necesario, acometer melloras no edificio existente, garantindo un espazo educativo digno.
7.Construción dun centro de día público en Tui. Incluímos unha partida de 300.000 euros para ofrecer unha infraestrutura pública fundamental para atender á poboación maior e ás súas familias, especialmente nun concello en crecemento como o noso.
8.Construción dunha segunda escola infantil (Galiña Azul) no concello de Tui. Solicitamos unha partida de 625.000 euros para a creación dunha escola infantil que cubra a elevada demanda de prazas e apoie ás familias tudenses.
O BNG lamenta profundamente que o Partido Popular rexeitase estas emendas, que eran unha oportunidade única para resolver problemas estruturais e mellorar a calidade de vida de toda a cidadanía. Este rexeitamento demostra unha vez máis a falta de interese do PP por atender as necesidades de Tui e do Baixo Miño, priorizando outras áreas ou intereses alleos ao benestar da nosa veciñanza.
Desde o BNG, seguimos a ser a voz de Tui nas institucións, impulsando iniciativas para que o noso concello teña os servizos e infraestruturas que merece. A loita por unha vida mellor para todas as persoas que viven en Tui e no Baixo Miño continúa a ser o noso principal obxectivo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario