27 de xan. de 2025

TOMIÑO

Tomiño mitiga o cambio climático instalando paneis fotovoltaicos en varios edificios públicos 

 O Concello colocou 140 paneis solares en edificacións públicas, como as dúas escolas infantís, o mercado municipal do Seixo e a propia Casa Consistorial  


Paneis solares na gardería pública do Seixo
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño  

 Ademais da implantación dun novo sistema de xestión enerxética municipal, o Concello de Tomiño leva a cabo actuacións para mellorar a eficiencia dalgunhas instalacións ou servizos municipais con enerxía fotovoltaica. Para concretar este proxecto de fomento do autoconsumo, tramitáronse as correspondentes subvencións de diferentes organismos nacionais e europeos, como o INEGA e os fondos Next Generation.  

 Nun esforzo por fomentar o autoconsumo enerxético, reducir a pegada de carbono e xerar aforros económicos significativos, procedeuse, concretamente, á instalación de 140 paneis de enerxía fotovoltaica en distintas instalacións municipais, como a Casa da Cultura, os mercados municipais de Tomiño, o edificio do Campo da Feira, as escolas infantís de Tomiño (O Seixo) e Goián, o Auditorio Municipal (Goián) e o propio Concello. “Estes proxectos representan un paso máis na procura da consecución dos Obxectivos De Desenvolvemento Sostible (ODS) e do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía (PACE)”, sinala o concelleiro de Eficiencia Enerxética, Lois Vázquez, coincidindo co Día Mundial Contra o Calentamento Global (28 de xaneiro).  

 A estas 7 instalacións en edificios municipais, sumaranse outras dúas nos colexios Pedro Caselles Beltrán e de Barrantes. 

 As instalación dos módulos fotovoltaicos instalados ata agora producen, aproximadamente, 81,053,14 kWh e un aforro dun mínimo de 15.000 euros ao ano. As dúas instalacións de paneis pendentes de execución, permitirán aumentar estas cifras, reforzando o compromiso do goberno local coa sostibilidade.  

 “As instalacións fotovoltaicas de Tomiño demostraron ser un investimento rentable e sostible, contribuíndo significativamente á redución de emisións e a un maior aforro económico para o concello”, asegura Vázquez.  

 “Con todas as medidas tomadas e obras levadas a cabo pola Concellería de Eficiencia Enerxética, o aforro total conseguido só no último ano, rolda os 500.000 kWh, o que significa, ademais, unha redución dunhas 250 toneladas de CO2 liberadas á atmosfera e, en termos económicos, máis de 95.000 euros aforrados”, explica o concelleiro de Eficiencia Enerxética.  

Adhesión ao Pacto das Alcaldías  

 Por outra banda, traballouse no Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable, para cumprir os compromisos adquiridos polo Concello coa adhesión ao Pacto das Alcaldías. No devandito documento tomáronse unha serie de medidas para alcanzar no ano 2030 o obxectivo de reducir un 40% as emisións de CO2 do municipio. Ademais, realizouse un estudo sobre a vulnerabilidade do municipio ao cambio climático, atopando os puntos máis prexudicados e tomando medidas de adaptación para diminuír as vulnerabilidades atopadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario