5 de xan. de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra comezará as actividades do Ano Castelao no Museo de Pontevedra cunha visita guiada, a actuación de María do Ceo e a proxección de ‘Castelao: de chumbo a verba’ 

•  As actividades desenvolveranse na tarde do 7 de xaneiro, día no que se compren 75 anos da morte do artista e intelectual galeguista


O Museo de Pontevedra comezará este martes 7 de xaneiro as actividades polo Ano Castelao, conmemorando o 75 aniversario do seu pasamento
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 O Museo de Pontevedra comezará este martes 7 de xaneiro as actividades polo Ano Castelao, conmemorando o 75 aniversario do seu pasamento cunha visita guiada especial ás 18:00 horas ás salas que lle dedica o Museo, e ás 19:30 horas unha sesión de cine e música: a proxección de ‘Castelao: de chumbo a verba’ e a actuación de María do Ceo.  

 A visita guiada percorrerá as dúas salas nas que se exhibe unha parte das máis de 1.800 obras súas que conserva o Museo. Nelas está moi presente a súa faceta de artista, pero tamén as de escritor e político galeguista, imposibles de desligar daquela. A visita terá unha duración de arredor de 60 minutos e, durante este ano, repetirase o primeiro martes de cada mes. Ainque que é necesaria a inscrición previa, que se pode facer a través dun formulario dispoñible na web, xa non quedan prazas para esa actividade.  

 Ás 19:30 horas terá lugar a proxección e a actuación musical. A música correrá a cargo de Maria do Ceo, unha das voces que mellor conecta Galicia e Portugal. Nacida en Porto, creceu artisticamente no fado, e a el segue dedicando a súa vida. Desde Cartas de Amor (1997), o seu primeiro disco, leva realizado centenares de concertos e catorce discos que marcan un itinerario emocional con múltiples recoñecementos desde as dúas beiras do Miño.   

 A continuación proxectarase ‘Castelao: de chumbo a verba’, un documental ficcionado no que se mestura a época actual, os anos centrais da vida de Castelao e imaxes de arquivo para axudar a entender o seu pensamento e a súa dimensión cultural e política. Dirixido por Miguel López en 2017, con Miguel Pernas, Uxía Blanco e Iago Novoa no elenco. Ten unha duración de 60 minutos.  

Máis actividades polo Ano Castelao  

 Ao longo do ano, o Museo de Pontevedra vai desenvolver máis accións conmemorativas. O Museo custodia a maior parte da súa obra artística, ademais da súa biblioteca persoal e importante documentación sobre unha figura clave para entender o século XX en Galicia desde o punto de vista artístico, literario e político.  

 Ademais das actividades presenciais, o Museo lembra que ten dispoñibles a través da web varias opcións para achegarse á obra de Castelao: explorar as obras que forman a súa colección no Museo, realizar unha visita virtual polas salas do Museo e descargar en PDF o libro ‘Esenciais. Castelao no Museo de Pontevedra', unha introdución á súa figura e á obra presentes na nosa institución.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario