Abel Losada pídelle a Portos de Galicia menos confrontación e máis cooperación con Costas para avanzar na reversión dos terreos portuarios
Remite cartas aos alcaldes e alcaldesas para que esixan que nas xuntanzas con Portos de Galicia estean tamén técnicos do Servizo Provincial de Costas
Explica que Portos devolve os terreos portuarios innecesarios a Costas e correspóndelle ao Estado a cesión indefinida se así o solicitan os concellos
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, vén de remitir unha carta aos alcaldes e alcaldesas dos municipios con instalacións de Portos de Galicia para pedirlles que esixan que nas xuntanzas que está a organizar Portos de Galicia para a reversión dos terreos portuarios innecesarios cos concellos da provincia participen tamén os técnicos do Servizo Provincial de Costas, dado que se trata dun trámite que afecta ás tres Administracións. “Se o que se quere é atender ao interese xeral e ao servizo público toca comportarse con máis lealdade e practicar a cooperación institucional en lugar de buscar continuamente a confrontación”, sinalou.
Abel Losada remitiu o escrito aos alcaldes e alcaldesas de Cangas, A Guarda, Cambados, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Marín, Moaña, Nigrán, O Grove, Poio, Pontecesures, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Tomiño, Vigo, Soutomaior, Tui e Vilaboa e tamén ao presidente de Portos de Galicia.
Na carta expresa a “disconformidade” coa celebración de xuntanzas a dúas bandas para falar dun procedemento administrativo que afecta a tres Administracións. Ademais explícalle aos alcaldes e alcaldesas que os terreos portuarios innecesarios van ser devoltos a Costas e non aos concellos. Por tanto, volven formar parte do Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT) e ao Estado correspóndelle, a continuación, un proceso de desafectación do dominio público e a cesión indefinida aos concellos, trámites que involucran a dous ministerios e que finalizan cunha publicación no Boletín Oficial do Estado. “O lóxico é que, se se quere avanzar e non xerar expectativas apresuradas, nesas xuntanzas estean tódalas partes”.
Por último, o subdelegado aplaude que Portos de Galicia teña dado este paso dado que en moitas ocasións falamos de terreos incorporados á trama urbana e polos que Portos cobraba taxas de ocupación na organización de eventos municipais, a pesar de que os concellos corrían co mantemento ordinario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario