O XORNALISTA E ESCRITOR MANUEL F. RODRÍGUEZ PUBLICA A MULLER DO MURO, UNHA NOVELA SOBRE O MUNDO DO INEXPLICABLE
• Realizada pola editorial Bolanda cun innovador deseño, presentarase o 5 de febreiro na libraría Couceiro, de Santiago
Teresa Rocamonde / Santiago de Compostela
Unha trama que combina a cultura galega do alén coas máis recentes teorías e investigacións sobre determinados fenómenos inexplicables. Esta é a proposta de fondo da novela A muller do muro, obra do xornalista e escritor Manuel F. Rodríguez, que acaba de saír á rúa. Publícaa a editorial compostelá Bolanda cun innovador deseño de Sebas Pazos que inclúe, entre outras solucións, unha tipografía especificamente galega creada por Marcos Dopico.
A novela, de 312 páxinas, ten como protagonista principal un xornalista, Xenebrando Río que, unha determinada mañá, vive un feito inesperado por completo. Un feito que nin comprende nin desexa en absoluto. E que, menos aínda, pode aceptar. Porque o imposible é imposible. Pero, como avanza a contraportada do libro, Río iniciará un camiño sen retorno.
A muller do muro presentarase o próximo 5 de febreiro, ás 19:30 h, na libraría Couceiro de Santiago de Compostela. O acto contará coa participación de Suso de Toro. Nas semanas seguintes o autor estará noutras cidades e localidades galegas.
Esta é a segunda novela de Manuel F. Rodríguez, natural de Sarria e residente en Teo. A primeira, A viaxe á fin do mundo, editada tamén por Bolanda en 2017, parte do roubo, en 1906 na catedral de Santiago, da cruz grega de Afonso III o Magno, que os peregrinos de media Europa adoraran durante séculos. Tras a repercusión obtida na edición en galego, esta novela publicouna en 2023, con distribución en toda España e co título de El viaje al fin del mundo. Los buscadores, a editorial madrileña Evohé, especializada en novela histórica.
Manuel F. Rodríguez ten publicadas en Bolanda outras obras, entre elas a guía histórica da Compostela xacobea, Santiago de Compostela para los peregrinos, da que se prepara unha nova edición na súa versión en español, e sobre todo La Gran Enciclopedia del Camino de Santiago. Diccionario de la cultura jacobea (2010), obra en 18 tomos con tres mil entradas da que foi director e autor principal. Esta enciclopedia, que está pendente de actualización, pode consultarse en internet, con acceso libre, como Xacopedia. Polo seu labor de investigación e divulgación do Camiño de Santiago, Rodríguez leva recibido distintos recoñecementos en Galicia e no exterior, entre eles, o prestixioso Premio Internacional Aymeric Picaud.
Ningún comentario:
Publicar un comentario