A nova Oficina da Enerxía do Rosal nace co obxectivo de promover a creación de comunidades enerxéticas locais
• Grande acollida do público no acto inaugural deste novo espazo co que o Concello convértese en referente en sostibilidade
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Rosal deu un novo paso cara ao seu futuro enerxético. O Concello vén de inaugurar a Oficina da Enerxía cun acto celebrado no Salón de Exposicións no que participaron decenas de persoas rosaleiras. Este espazo nace co claro obxectivo de promocionar un modelo enerxético que resulte máis sustentable e participativo, promovendo a creación de comunidades enerxéticas locais.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, abriu o acto dando a benvida a todas as persoas asistentes e salientando a importancia dunha iniciativa así no contexto municipal, amosando a súa seguridade de que esta Oficina da Enerxía converterá ao concello nun referente na comarca a nivel de transformación enerxética. “Con este espazo daremos ferramentas á veciñanza para participar activamente na creación dun modelo enerxético máis sostible, xusto e respectuoso co planeta”, salientou a rexedora, que subliñou que esta iniciativa forma parte da visión estratéxica do Concello para avanzar cara a unha sostibilidade integral no Rosal.
A alcaldesa destacou a importancia de traballar de forma transversal para unha xestión máis sostible e eficiente que leve a un uso de enerxía limpa e a un aforro enerxético que tamén suporá un aforro económico para o Concello e para a veciñanza, dando novos pasos para afrontar as continuas subas de prezos. Neste sentido, sinalou “a relevancia de fomentar proxectos que permitan, ao igual que facemos no caso da auga, ser xestores e creadores da nosa propia enerxía, sempre dende unha perspectiva colectiva e non como unha decisión individual”.
Fernández Callís animou a toda a veciñanza, asociacións e entidades locais a implicarse neste proxecto, subliñando que “iniciativas como esta son un incentivo para mellorar a calidade de vida tanto das persoas residentes como de futuros novos veciños e veciñas” e reafirmando que “a sostibilidade e a innovación son piares fundamentais do futuro do noso municipio”.
Pola súa banda, o coordinador da Oficina da Enerxía, Rodrigo López, detallou os servizos que ofrecerá este espazo, que incluirán asesoramento, formación e acompañamento en todos aqueles proxectos que estean relacionados coas enerxías renovables e coa eficiencia enerxética. Ademais, pormenorizou os obxectivos que se perseguen con esta oficina, que buscará reducir o impacto ambiental, así como as vantaxes e beneficios para a cidadanía.
Durante o evento, o doutor en Economía Ecolóxica da Universidade de Vigo Xavier Simón Fernández deu a coñecer as claves do proxecto EC4RURAL, unha iniciativa orientada a promover a transición cara a enerxías limpas nas áreas rurais. Simón entregou unha distinción en forma de placa á recentemente creada Oficina da Enerxía, recoñecendo o seu valor como modelo de innovación no ámbito enerxético.
Entre os proxectos presentados durante o encontro destacou ‘O Rosal Enerxía’, unha iniciativa impulsada polo Concello que busca a creación dunha comunidade enerxética na zona baixo o modelo de asociación se ánimo de lucro. Ademais, durante a presentación abriuse unha rolda de preguntas para que as persoas asistentes resolvesen as súas dúbidas sobre o funcionamento deste proxecto e os pasos necesarios para participar.
A nova Oficina da Enerxía estará situada no Centro Social Polivalente do Rosal e contará cun horario de atención ao público de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas a través do teléfono 677 73 73 21 ou do correo electrónico oficina@enerxia.eu. Ademais, a oficina tamén abrirá de forma presencial os xoves neste mesmo horario, para o que é recomendable solicitar cita previa. “Queremos que este espazo sexa unha ponte de colaboración entre o Concello, a veciñanza e as entidades locais para impulsar un futuro máis sostible para todas e todos”, concluíu a alcaldesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario