20 de xan. de 2025

O ROSAL

Os ‘Venres rebuldeiros’ mergúllanse na igualdade de oportunidades  

 Este 24 de xaneiro a biblioteca municipal acolle ás 18.00 h o contacontos ‘Lúa quere viaxar a... Marte’ coa Xanela do Maxín   




Infogauda / O Rosal 

 Os ‘Venres rebuldeiros’ comezan o ano no Rosal cun soño tan grande como o universo. Este venres 24 de xaneiro, a biblioteca municipal converterase a partir das 18.00 horas nunha lanzadeiras espacial con ‘Lúa quere viaxar a... Marte’, un contacontos que promete emocionar e inspirar tanto á cativada como ás e aos maiores.   

 Da man da Xanela do Maxín o público poderá desfrutar dunha intrépida viaxe que busca fomentar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres a través da historia dunha nena valente e soñadora, Lúa. Despois de percorrer o mundo enteiro, a protagonista sorprende á súa familia e amizades co anuncio de que quere ir a Marte. Contra vento e marea, e malia os obstáculos que se interpoñen no seu camiño, Lúa está decidida a cumprir o seu soño de ser astronauta inspirándose en grandes científicas, investigadoras e astronautas que marcaron a historia.  

 Dirixido a nenas e nenos a partir de 4 anos, este contacontos busca transmitir os valores de igualdade, da perseveranza e da importancia de ter referentes femininos.  

 A actividade é de balde e está enmarcada na iniciativa ‘Ler conta moito’, un programa de dinamización da lectura que busca achegar á veciñanza ao pracer de ler e á información dun xeito lúdico e atractivo a través dos centros que pertencen á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario