28 de xan. de 2025

O PORRIÑO

A CIG demanda a Lonza Biologics, do Porriño, polo despido dunha traballadora vítima de acoso laboral 

• O xuízo por vulneración de dereito fundamental celebrarase no Xulgado do Social de Vigo este xoves día 30 e xaneiro 


Foto: CIG

Infogauda / O Porriño  

 O Xulgado do Social de Vigo acollerá este xoves 30 o xuízo por vulneración de dereito fundamental a raíz da demanda presentada pola CIG contra Lonza Biologics, do Porriño, despois de que a empresa despedise unha traballadora vítima de acoso laboral. A central solicita a nulidade da rescisión de contrato e unha indemnización adicional de 30.000 euros por danos. 

 Dende a CIG explican que o acoso dos seus superiores xerárquicos provocoulle á afectada un cadro de ansiedade que rematou coa súa incapacidade temporal, tras o que a traballadora decidiu solicitar a baixa voluntaria e aceptou unha proposta de traballo noutra empresa. 

 A dirección de Lonza convocouna a unha entrevista para interesarse pola súa decisión de causar baixa voluntaria. Nesa xuntanza relátalle “con todo detalle” aos responsábeis da empresa a situación de acoso á que está sendo sometida. Nese encontro logran convencela de que anule a comunicación de baixa voluntaria, transmítenlle que queren contar con ela e garántenlle que a empresa vai intervir e vai mudar a situación. “Mais non activa o de acoso, nin toma medida algunha; pola contra, as persoas sinaladas pola afectada son coñecedoras da denuncia e intensifican a presión sobre a traballadora”. 

 Nunha reunión posterior celebrada o 18 de marzo do ano pasado cos responsábeis de departamento e co director da compañía para poñelos ao corrente do acontecido “os dous directivos ofrécenlle protección”. 

 Pero un mes despois de que a dirección a convencera de que non causara baixa voluntaria -e sen sequera terse iniciado o protocolo de acoso- a traballadora é despedida, recoñecendo no acto a empresa a improcedencia da medida. 

 Como consecuencia desta actuación da empresa a afectada perdeu unha oportunidade de traballo cun salario moi superior ao de Lonza, pasando a situación de desemprego. Polo que a CIG solicita, ademais da nulidade do despedimento, unha indemnización adicional polo prexuízo causado e pola “actuación neglixente” a respecto da “protección da saúde da traballadora”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario