O PSdeG-PSOE do Porriño denuncia a “chapuza baixo custo” do Templete de San Luís
• A Xunta de Galicia deixou a medias a restauración da obra patrimonial de Antonio Palacios, sumándose á desastrosa remodelación que o Concello fixo do parque que a alberga
Infogauda / O Porriño
A agrupación socialista do Porriño denuncia que a Xunta de Galicia demostra, unha vez máis, o seu desprezo polo patrimonio porriñés, esquecéndose de restaurar un elemento esencial do Templete de San Luís, como é a totalidade da marquesiña de cristal orixinal. A restauración dun dos elementos máis emblemáticos do Porriño, obra de Antonio Palacios, resultou ser unha “chapuza baixo custo” que pon de manifesto a falta de planificación e a desidia na xestión de recursos públicos.
O portavoz socialista, David Alonso, indica que “é inconcibible que a Xunta, con todos os recursos á súa disposición, deixase a medias a restauración dun espazo tan representativo para os porriñeses. Isto non é restaurar, é unha intervención superficial e indignante que desconsidera a historia e a importancia arquitectónica deste templete”.
Desde un enfoque técnico e arquitectónico, a intervención realizada carece de sensibilidade estética ignorando aspectos históricos fundamentais. O Templete, cuxa estrutura orixinal foi deseñada cunha marquesiña circular no remate e con cimentos pensados para albergar este elemento arquitectónico histórico, chegou mutilado desde Madrid hai décadas. A Xunta de Galicia tivo a ocasión de repoñer esta marquesiña de cristal, omitindo a súa incorporación no proxecto de restauración; un grave erro que deixa en evidencia a falta de coñecemento e o escaso interese por conservar o valor cultural do noso patrimonio.
A concelleira socialista, Sthela Táboas, sinala como responsables políticos ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e ao alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, considerando que “eludiron dar respostas claras ás críticas de expertos e de cidadáns que sinalaron estas carencias. A ausencia da marquesiña circular, unha peza crave do deseño orixinal, reflicte un descoñecemento preocupante sobre a relevancia histórica deste Templete. O que se necesita non é un parche, senón unha restauración que respecte o modelo orixinal, realce a beleza e o valor cultural do monumento".
O proxecto, que contou cun orzamento público considerable que ascende a 225.000 €, deixou o templete incompleto, non só desde o punto de vista arquitectónico, senón tamén en canto á súa funcionalidade. A falta da marquesiña de cristal fai que a restauración non sexa máis que unha maquillaxe superficial.
Este fracaso institucional resulta aínda máis grave, no marco do 150 aniversario do Porriño, que non se dedicou nin un minuto de recoñecemento ao porriñés e ex-alcalde Raúl Francés Rodríguez, quen atopándose en Madrid leu unha publicación da Gaceta na que se informaba da demolición do Templete, dando aviso de inmediato ao alcalde porriñés por aquel entón, Gonzalo Ordoñez.
Con todo, o Goberno do PP no Porriño, non perdeu o tempo en organizar actos conmemorativos con Ayuso e Almeida, ofrecendo discursos partidistas que nada tiñan que ver coa figura de Palacios e si con referencias burlescas cara ao Presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
O PSOE do Porriño esixe, de forma categórica, que a Xunta de Galicia asuma a súa responsabilidade e complete de inmediato a restauración da marquesiña de cristal do Templete, cumprindo cos estándares de harmonía que este monumento merece. O Porriño e o seu patrimonio histórico non poden seguir sendo vítimas da incompetencia e as mentiras do PP.
“O patrimonio do Porriño non é negociable. Esiximos que o templete de cristal sexa restaurado de forma íntegra e respectuosa co seu valor histórico e arquitectónico. Só así poderemos sentirnos orgullosos do que representa este espazo para os porriñeses”, conclúe Alonso
Ningún comentario:
Publicar un comentario