A XUNTA DE GALICIA COLABORA CO CONCELLO DE TUI PARA O DESENVOLVEMENTO DO CENTRO QUE XESTIONA A ÁREA REXURBE DESTE MUNICIPIO
• A Administración autonómica cofinanciará nun 60 % o funcionamento deste centro dependente da entidade local cun investimento de case 153.000 € para os anos 2025 e 2026
• O centro funcionará como punto de información, asesoramento e xestión da área Rexurbe de Tui para impulsar as actuacións de rexeneración e dinamización do ámbito
• O Concello de Tui está incluído no programa Rexurbe polo que a Xunta, de forma directa e con cargo aos seus orzamentos, adquire e rehabilita vivendas localizadas en conxuntos históricos
• A Xunta, no marco deste programa, adquiriu catro inmobles nas rúas Bispo Castañón, San Telmo e Cuenca
• O Concello de Tui tamén está incluído na ARI supramunicipal do Camiño Portugués. Inclúe o trazado do Camiño nas parroquias de Randufe, Rebordáns, Ribadelouro e O Sagrario
Infogauda / Tui
O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe a sinatura do convenio de colaboración co Concello de Tui para o desenvolvemento dun centro que xestionará a área Rexurbe deste municipio.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), cofinanciará nun 60 % o funcionamento deste centro dependente da entidade local, achegando un investimento de case 153.000 € para os anos 2025 e 2026.
O convenio establece que lle corresponde ao Concello de Tui a creación e xestión do centro Rexurbe, dotándoo dos medios materiais e humanos necesarios para atender as finalidades que lle encomenda a Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, que crea a figura destas áreas de rexeneración urbana de interese autonómico.
Este centro funcionará como punto de información, asesoramento, xestión, seguimento e difusión da área Rexurbe de Tui, co obxectivo de impulsar as actuacións de recuperación, rexeneración e dinamización da área.
As instalacións deberán dispoñer do persoal necesario e un local accesible ao público, con entrada independente. Tamén contará cos programas informáticos compatibles coa plataforma informática de rehabilitación que facilite o IGVS.
Área Rexurbe
A área Rexurbe do Concello de Tui foi declarada polo Consello da Xunta do 9 de setembro de 2021 e o seu plan de dinamización foi aprobado polo Consello da Xunta do 25 de xaneiro de 2024. O convenio autorizado polo Consello da Xunta permite poñer en marcha o centro Rexurbe que se encargará da xestión das actuacións incluídas no plan de dinamización elaborado polo Concello.
Ademais, o municipio pontevedrés está incluído no programa Rexurbe polo que a Xunta, de forma directa e con cargo aos seus orzamentos, adquire e rehabilita vivendas localizadas en conxuntos históricos. No marco deste programa, adquiríronse nestes últimos anos catro inmobles, por un importe total de preto de 303.000 euros. Estes inmobles sitúanse na rúa Bispo Castañón, 20; na rúa San Telmo, 42, e na rúa Cuenca, 42 e 18, respectivamente.
Por outra banda, actualmente hai tres convenios na Área de Rehabilitación Integral en execución por un importe que rolda os 214.000 euros, dos cales xa están xustificados polo concello preto de 45.000 euros.
O Concello de Tui tamén está incluído na ARI supramunicipal do Camiño portugués. Inclúe o trazado do Camiño nas parroquias de Randufe, Rebordáns, Ribadelouro e O Sagrario (no casco urbano).
Ningún comentario:
Publicar un comentario