2 de dec. de 2024

O ROSAL

O Rosal pechará 2024 cunha San Silvestre solidaria e chea de diversión  

  Aberto o prazo de inscrición para participar nesta tradicional cita que combina deporte, solidariedade e lecer  

 



Infogauda / O Rosal

 O Rosal vai rematar o ano correndo. O Concello prepara xa unha nova edición da San Silvestre, unha cita imprescindible que volve ás rúas do municipio para que rosaleiros e rosaleiras despidan este 2024 con deporte, solidariedade e lecer. Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nesta proba festiva que inclúe unha andaina infantil de 2,3 km e unha carreira non competitiva de 4 quilómetros polo centro da vila. A data límite remata o vindeiro 26 de decembro. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima aos veciños e veciñas a sumarse a esta actividade que cada ano enche O Rosal de deporte, alegría e espírito de convivencia. “A San Silvestre non é só unha carreira, é un evento para gozar en familia, despedir o ano con saúde e promover valores de solidariedade e unidade que tanto nos representan como concello”, resaltou a rexedora.  

 Unha idea que recalcou o concelleiro de Deporte, José Carlos Martínez Crespo, que convidou a todas as familias a participar “xa sexa correndo, camiñando ou simplemente gozando do ambiente festivo que haberá polas rúas rosaleiras. Unha forma única de despedir o ano dun xeito saudable e divertido”. 

 Esta edición novamente estará marcado polo seu carácter solidario. A Asociación Avelaíña contará cun stand propio durante a carreira xunto á recollida de dorsais para recadar fondos cos que continuar traballando para ter recursos cos que mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias.  

 A xornada arrancará ás 11.00 horas co inicio da andaina infantil, que sairá do pavillón municipal e percorrerá un trazado adaptado e seguro deseñado para as máis pequenas e pequenos da casa. Ás 12.00 horas será a quenda da carreira, cun percorrido polas principais rúas do centro do Rosal, convidando a persoas de todas as idades a desfrutar dun ambiente saudable e non competitivo.  

 Ao remate destas dúas citas, as e os participantes poderán repoñer forzar cunha chocolatada e participar no sorteo de tres cestas. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse a través do formulario habilitado na web do Concello do Rosal e poderán recoller os seus dorsais antes do día 31 ou o mesmo día da carreira de 10.00 a 10.45 h no caso da andaina e de 11.00 a 11.45 horas no caso de participar na carreira. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario