Mougás e Viladesuso rexeitan os proxectos eólicos que ameazan os seus montes
Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Mougás e de Viladesuso
As Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Mougás e Viladesuso, respectivamente, situadas no concello de Oia acordaron en asemblea a súa oposición ao proxecto promovido polo grupo Arena Power, que proxectan nos montes compartidos entre ambas parroquias.
Esta nova iniciativa xerou un profundo rexeitamento por parte das ámbalas asembleas das comunidades de montes, aprobaron en asemblea a súa oposición a calquera polígono eólico que se pretenda instalar sobre os seus montes. Consideran que ditos proxectos poñen en grave risco os valores patrimoniais, paisaxísticos e ambientais destas parroquias. Ao acordo adoptado polas Asembleas Xerais hai que engadirlle os acordos plenarios do concello de Oia, un no ano 2020, rexeitando por unanimidade os proxectos eólicos nas serras do Galiñeiro e A Groba, e outro no ano 2024, solicitando a retirada das Áreas de Desenvolvemento Eólico (41, 157 e 158) nas serras da Groba e Argallo.
O proxecto, promovido por Arena Power, contempla a construción de catro aeroxeradores de 180 metros de altura maila súa correspondente infraestrutura de evacuación, impactando directamente sobre o patrimonio cultural, arqueolóxico e afectando gravemente Áreas de Especial Interese Paisaxístico e Hábitats de Interese Comunitario.
Cabe recordar que o pasado 28 de febreiro publicouse a Declaración de Impacto Ambiental desfavorable do polígono eólico Torroña I, proxectado nos montes de Viladesuso. Este estudo emitido por diferentes organismos da administración, alertaba dos graves impactos sobre o patrimonio histórico e a paisaxe, ao Camiño Portugués pola Costa e advertía do risco de afección o Espazo Privado de Interese Natural “Sobreiras do Faro”.
En base a todo o exposto, as comunidades de montes de Mougás e Viladesuso opóñense frontalmente a este proxecto e reafirman o seu compromiso coa sostibilidade e a defensa dos seus montes, para conservalos e melloralos en beneficio de toda a veciñanza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario