11 de dec. de 2024

O ROSAL

O Concello aposta por uns orzamentos para construír un Rosal máis dinámico e con maior calidade de vida  

  Con case 6,1 millóns de euros, o Goberno municipal incrementa nun 25% o presuposto para dinamismo social, cultural e deportivo  

  Os orzamentos incorporan 800.000 euros destinados a investimentos, aos que se sumarán as subvencións que o Concello captará ao longo do ano 2025   


A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, co equipo de goberno do Concello do Rosal
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal dá un paso decidido cara ao futuro na configuración dos seus orzamentos para o ano 2025, que se aprobarán en pleno este xoves 12 de decembro (20.30 horas) nos que se aposta pola posta en marcha de iniciativas coas que construír un municipio máis dinámico e con maior calidade de vida para toda a súa veciñanza.   

 “Estes orzamentos son un reflexo do noso firme compromiso cos rosaleiros e rosaleiras. Queremos un Rosal máis vivo, inclusivo e sostible, un concello no que cada persoa independentemente da súa idade ou intereses teña oportunidades para crecer e desfrutar”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

Un aforro do 50% nos gastos de enerxía 

 Con case 6,1 millóns de euros, O Rosal afronta o vindeiro ano con novos retos para continuar co incremento poboacional dos últimos anos e ofrecer á veciñanza unha oferta de calidade en todos os eidos municipais, dende os servizos ou infraestruturas ata na dinamización económica e social. Grazas aos proxectos de transformación e mellora da eficiencia enerxética levados a cabo nos últimos anos nas infraestruturas e inmobles municipais, o Concello aforrará neste 2025 un 50% nos gastos de enerxía, o que permitirá consolidar a aposta polo tecido asociativo e incrementar considerablemente a partida destinada á dinamización social, cultural e deportiva. 

 Cun incremento dun 25% na partida, os novos orzamentos poñen o foco na creación e consolidación de actividades culturais, festivas, de conciliación, de dinamización, de mocidade, deporte ou turismo que cheguen a todos os públicos e barrios. Destacan iniciativas innovadoras postas en marcha este ano como os Venres Rebuldeiros e os Tardeos na Praza, a consolidación do Rosal Cámara Fest, a dinamización das festas populares ou das actividades de dinamización comercial e do espazo público. O Goberno municipal traballa ademais na creación e innovación de novas actividades dirixidas ao público xeral e á mocidade, como aconteceu cos obradoiros de outono, que tiveron unha grande acollida de público.  

O Rosal das persoas 

 A nivel social, os orzamentos para o 2025 contemplan unha subida do 9% na partida destinada a Benestar Social. Deste xeito, increméntase o apoio ao Servizo de Axuda no Fogar con 100 horas mensuais máis con respecto ao ano 2024, reforzando así o coidado das persoas maiores e dependentes. Ademais, o Concello aposta pola creación dunha Escola de Saúde, polo aumento do investimento no Programa Xantar na Casa e polo desenvolvemento de proxectos que fomenten o coidado, o envellecemento activo e a convivencia interxeracional. 

 Outro dos grande eixos do orzamento será o impulso do emprego e a formación. A través do Obradoiro de Emprego Roteiros Etnográficos O Rosal – Tomiño, ‘O noso patrimonio’, formarase a persoas desempregadas en carpintaría e albanelería, sectores estratéxicos con alta demanda laboral na contorna. Esta iniciativa permitirá, ademais, recuperar o patrimonio rosaleiro e fomentar a economía local.  

Líder na transición verde 

 Os investimentos en infraestruturas e servizos tamén marcan un punto de inflexión nestes novos orzamentos, que consolidan o papel do Concello como líder na transición verde e a súa aposta decidida pola sostibilidade, a mellora da calidade de vida da veciñanza e o desenvolvemento dos barrios. O presuposto contempla un investimento de case 800.000 euros en diferentes proxectos, unha partida á que se sumarán os fondos que o Goberno local captará ao longo de 2025 a través de subvencións e axudas. 

 Entre os proxectos destacados está a transformación do campo de fútbol da Mata ou do pavillón municipal con criterios de accesibilidade e eficiencia enerxética ou a posta en marcha de comunidades enerxéticas veciñais e da Oficina de Transformación Comunitaria. Os presupostos para 2025 tamén incorporan melloras de contornas como as do Camiño de Marzán, o Camiño do Xogo ou o Camiño da Crangosta. 

 A alcaldesa destaca que nestes orzamentos “traballamos de novo para que O Rosal sexa un concello do que nos sintamos orgullosas e orgullosos, cunha oferta social, deportiva, económica e de lecer á altura do que se merece a nosa veciñanza, recuperando espazos de convivencia para rosaleiros e rosaleiras e afianzándonos como un lugar atractivo para todas as persoas”. 

 Con estes presupostos o Goberno municipal reafirma o seu compromiso co benestar social e comunitario, apostando por un modelo de xestión eficiente, sostible e deseñado por e para as persoas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario