2 de maio de 2026

TOMIÑO

Íñigo Segurola, padriño da XXI Feira de Cultivos do Baixo Miño  

 A praza Pintor Antonio Fernández, de Goián, acollerá do 8 ao 10 de maio o gran encontro do viveirismo galego cunha programación que combina formación, cultura, innovación e lecer 

 

A XXI edición contará co paisaxista Íñigo Segurola como padriño, unha figura de referencia no ámbito do deseño de xardíns e da paisaxe

Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 A praza Pintor Antonio Fernández, de Goián, volverá encherse de vida, cor e coñecemento nunha nova edición da Feira de Cultivos do Baixo Miño, que se consolida como un dos grandes escaparates do viveirismo galego. Do 8 ao 10 de maio, Tomiño acollerá un evento que medra ano tras ano e que combina economía, innovación e comunidade para proxectar o territorio cara ao futuro. 

 A XXI edición contará co paisaxista Íñigo Segurola como padriño, unha figura de referencia no ámbito do deseño de xardíns e da paisaxe, que simboliza a aposta pola calidade e a divulgación do sector verde. Xunto a el, a feira abre tamén a porta a novas formas de comunicación e aprendizaxe co sector coa participación de Nuska Chousa, agricultora e creadora de contido con máis de 100.000 seguidores en Instagram, que achegará a súa experiencia para conectar coas novas xeracións desde unha linguaxe próxima e dixital. 

 Ademáis das conferencias de Segurola e Chousa, a programación desta edición inclúe máis de 14 obradoiros, dous concertos, dúas sesións vermú, dous espectáculos infantís ou unha nova sesión de micros abertos para artistas emerxentes. O público familiar terá tamén un papel protagonista con propostas como ‘Pinga a pinga’, de Barafunda Animación, centrada no coidado da auga, e ‘Maxia Cómica’ de Troula, dúas compañías de recoñecido prestixio.  

 A isto súmase unha ampla oferta formativa dos obradoiros, unha das actividades con maior acollida da Feira de Cultivos e polos que a pasada edición pasaron case 200 persoa. A temáticas xa consolidadas, como deseño de xardíns, enxertos, poda, ramo natural ou kokedamas, súmanse tamén novas propostas como o cultivo de cogomelos ou a estampación botánica, ademais de actividades infantís como hoteis para insectos e bombas de sementes. 

 Este ano reforzase ademais a formación coa incorporación dun curso de aplicación de fitosanitarios con certificación oficial para impulsar a cualificación profesional. A feira contará tamén con catro tendas efémeras de venda directa de planta de viveiros locais e un Mercado de Primavera con máis de dúas ducias de artesáns e produtoras. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, resaltou o carácter transformador do evento, xa que “a Feira de Cultivos xa non é só unha cita sectorial, é un espazo onde se mesturan aprendizaxe, innovación e convivencia, e onde o noso territorio se mostra ao mundo coa forza do que somos capaces de facer xuntos”. Pola súa banda, a presidenta de acuBam, Nuria Castro, puxo en valor o crecemento sostido da feira, que “en cada edición demostra que hai interese, participación e futuro. O viveirismo galego ten moito que dicir, e esta feira é a mellor plataforma para amosalo, desde o profesional ata o público máis novo”. 

 Toda a programación e inscricións poden consultarse en www.feiradecultivos.gal

Ningún comentario:

Publicar un comentario