8 de out. de 2024

VIGO

A CIG-Ensino chama a participar na mobilización convocada en Vigo contra os recortes no ensino público 

 A manifestación terá lugar o vindeiro mércores 16 de outubro ás 19:00 horas dende Vía Norte até o farol de Urzaiz 




Infogauda / Vigo 

 A CIG-Ensino fai un chamamento á comunidade educativa e ao conxunto da cidadanía a participar de xeito masivo na mobilización convocada en Vigo o vindeiro mércores 16 de outubro contra os recortes no ensino e a falta de recursos que padecen os centros públicos da cidade. A manifestación, promovida por FOANPAS e ADICOPUVI, arrincará dende Vía Norte á 19:00 horas e rematará no farol de Urzaiz. 

 Representantes da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais (FOANPAS) e da Asociación de Directoras/es dos Colexios Públicos de Vigo (ADICOPUVI) compareceron hoxe en rolda de prensa para trasladar a situación do alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) e a falta de recursos que atravesan os centros de ensino público da cidade. 

 “A gravidade do que está a acontecer obríganos á comunidade educativa a expoñernos publicamente e a mobilizarnos para expoñer o desleixo das administracións que fan desta unha situación insostible”.   

 Os colectivos consideran que o máis grave, e o que máis afecta á educación das crianzas, é a falta de recursos humanos: faltan docentes e faltan especialistas para atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. O profesorado é insuficiente, pero a falta de PT (especialista en Pedagoxía Terapéutica), AL (especialista de Audición e Linguaxe), orientadoras/es e coidadoras/es afecta á calidade do ensino, pero sobre todo, supón unha vulneración de dereitos.  

 “Consideramos fundamental sensibilizar a cidadanía sobre as necesidades da infancia e a súa atención educativa. Queremos un ensino no que as nosas fillas e os nosos  fillos poidan ser, estar, pertencer e progresar, e iso só se acadará en condicións óptimas, cos recursos necesarios e investindo na educación como o motor que é da sociedade”.  

 Por todo isto, convocan a veciñanza de Vigo a unha manifestación o vindeiro mércores 16 de outubro que sairá dende Vía Norte ás 19:00 horas e rematará no farol de Urzaiz, onde se dará lectura a un comunicado conxunto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario