3 de out. de 2024

TURISMO

Tui consolídase coma principal punto de inicio do Camiño Portugués a Santiago 

 Máis de seis mil persoas elixiron a cidade en setembro para comezar esta vía xacobea 


Peregrinos diante da fachada da catedral de Santa María
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 Tui consolidouse en setembro deste 2024 coma o principal punto de inicio do Camiño Portugués a Santiago, foi amais o segundo lugar de partida de todas as vías xacobeas. Máis de seis mil persoas elixiron a cidade para iniciar esta ruta xacobea o mes pasado. Estas cifras – tanto no cómputo de peregrinos e peregrinas que  realizaron o Camiño Portugués coma os que saíron de Tui – incrementáronse nun 12% con respecto a setembro de 2023, segundo indica o Concello de Tui.

 Así no pasado mes de setembro un total de 14.954 peregrinos do Camiño Portugués recibiron a súa “Compostela” ao chegar á meta na catedral de Santiago, cun incremento do 12% con respecto ao mesmo mes de 2023. Das case 15 mil persoas que optaron por esta vía xacobea o mes pasado  un 69% (8.549) eran peregrinos internacionais mentres que o 31% (4.587) eran de procedencia española.  

 En setembro Tui volveu ser o primeiro lugar do Camiño Portugués escollido polos peregrinos e peregrinas para iniciar o Camiño. En concreto 6.018 persoas partiron dende Tui o que representa o  40,7% superando a Porto con 4.676 ou a Valença de onde partiron 2.293 peregrinos. De todos os Camiños xacobeos Tui continúa a ser o segundo lugar escollido polos peregrinos para iniciar a súa peregrinación unicamente superado por Sarria, no Camiño Francés, con 24.094 peregrinos.  

 Os datos estatísticos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago reflicten que os principais países emisores de peregrinos polo Camiño Portugués son Portugal ( 9,91%), Estados Unidos (7,79%), Alemaña (5,72%), Italia (5,13%), Reino Unido ( 4,19%), Brasil (3,04%),... Pola súa banda, os peregrinos españois proceden especialmente de Andalucía  con 1.271 – 27,7% dos peregrinos, Madrid con 704 – 15,3% ou a Comunidade Valenciana con 505 – 11,04%.  

 Un total de 75.437 peregrinos realizaron o Camiño de Santiago no mes de setembro, e  429.067 persoas téñeno feito no que vai de ano. No Camiño Portugués no que vai de ano  82.809 peregrinos aos que cómpre engadir un continxente cada vez maior de peregrinos que realizan o trazado portugués do Caminho da Costa que leva ata Valença e Tui e que nas estatísticas non computan no Camiño Portugués senón no Camiño Portugués da Costa, refiren fonte municipais tudenses. 

 A concelleira de Turismo, Ana María Núñez, sinala que estes datos expresan o liderado da nosa cidade no que atinxe ao Camiño Portugués pois mes a mes consolida o seu papel como principal centro emisor de peregrinos e como o principal enclave no percorrido do Camiño Portugués. Unha acollida que implica a todos os axentes que traballan na ruta xacobea: administracións públicas, sector privado, movemento asociativo e mesmo a Igrexa por lograr unha mellora da calidade da hospitalidade na nosa cidade que redundará nun mellor posicionamento de Tui como lugar de referencia no ámbito do Camiño e do turismo cultural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario