3 de out. de 2024

TUI

Os mellores bailaríns de España e Portugal disputarán en Tui o Trofeo Concello de Tui de baile deportivo 

 Máis de 500 persoas competirán nas distintas modalidades desta proba que forma parte do Circuíto Ibérico 


Este Trofeo Concello de Tui foi presentado na casa do concello polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez; e o presidente da Escola de Baile Pasos Galicia e director do trofeo, Miguel Abreu
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 Espectacular competición a prevista para esta fin de semana no pavillón municipal Gustavo Rodríguez que reunirá aos mellores bailaríns de España e Portugal. Máis de 500 persoas participarán no Trofeo Concello de Tui de Baile Deportivo que será amais a cuarta proba do Circuíto Ibérico de Baile Deportivo. Está organizada pola Escola de Baile Pasos Galicia, en colaboración co Concello de Tui e as Federacións Española e Galega de Baile Deportivo.  

 Este Trofeo Concello de Tui foi presentado esta mañá na casa do concello polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez; e o presidente da Escola de Baile Pasos Galicia e director do trofeo, Miguel Abreu.  

 O alcalde, Enirque Cabaleiro, destacou que Tui é sede  esta fin de semana “dunha nova cita moi espectacular e moi singular” polo que convidaba ao público a acudir ao pavillón Gustavo Rodríguez “por tratarse dunha proba moi bonita e moi espectacular”.  Mentres o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez destacou que esta competición Trofeo Concello de Tui é Circuíto Ibérico, unha competición pola que dicía “imos apostar” porque se trata de eventos deportivos “moi atractivos”.  

 Miguel Abreu explicou os detalles da competición que reunirá a 500 persoas das que a metade chegará dende Portugal e a outra metade de España, xa que amais de galegos, acudirán deportistas de Cataluña, Valencia, Andalucía, Madrid,… Destacaba que se trata “dun competición de nivel alto” que contará con 7 xuíces internacionais de España, Portugal e Francia. 

 A entrada terá un prezo de 8€ cada día.  

 O Trofeo Concello de Tui de baile deportivo  comezará o sábado, 5 de outubro,  a partir das 15 h no pavillón municipal Gustavo Rodríguez coas probas de baile estándar – vals, tangos…-  e latinos – cha-cha-cha, rumba e pasodobre - nos que competirán 100 parellas dende a categoría junior a senior. O domingo a competición desenvolverase dende as 11 ás  20 h con 250 persoas en grupos, 100 en singles e caribeños. Os dous días haberá probas tanto do Circuíto Ibérico coma puntuables para o ranking nacional.  

 A de Tui é a cuarta das cinco probas que forman parte do Circuíto Ibérico que rematará en Guadalaxara. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario