O Mes da Biblioteca oferta actividades para todas as idades na Biblioteca Municipal
• Contacontos para público infantil, celebración do Día das Escritoras dedicado a Emilia Rosende, e o encontro dos clubs de lectura con Rexina Veiga forman parte do programa previsto
Infogauda / Tui
A Biblioteca Municipal de Tui celebra o Mes da Biblioteca cun programa de actividades para todas as idades que se desenvolverá dende este venres 11 de outubro até o 25 deste mes.
Así por unha banda a celebración o 24 de outubro do “Día da biblioteca” é unha ocasión que aproveita a Biblioteca Municipal de Tui para ofertar un programa de actividades para os seus usuarios e usuarias máis cativas.
Este programa para público infantil e familiar ábrese este venres, 11 de outubro, ás 17.30 h con “A maleta. Contacontos inclusivo en lingua de signos e lingua galega” da man de contAZ, dirixido ao nenos e nenas a partir dos cinco anos de idade. O xoves 17 ás 17.30 h será a quenda do espectáculo “Filipa cos contos” con Bandullo Azul destinado a nenos e nenas con idades entre 4 e 12 anos.
O xoves 24, Día da Biblioteca, ás 17.30 h Fantoches Baj presentarán o contacontos “Burromaquia” para rapaces e rapazas dende os 3 anos.
Por outra banda a Biblioteca súmase á celebración anual, o 16 de outubro, do “Día das escritoras” que este ano 2024 estará dedicado a autora tudense Emilia Rosende, celebrándose unha mesa redonda que contará coa presenza da propia autora.
Finalmente o mércores 23 de outubro os participantes nos dous Clubs de Lectura que coordina a biblioteca tudense, “María Tydeska” e “Tempo de mulleres”, manterán un encontro coa escritora Rexina Veiga sobre o seu libro “O teu perfil na miña sombra”.
Por último, cómpre lembrar que ata venres 25 de outubro continúa aberta ao público a mostra de gravados “A exposición secuestrada. Estampa Popular Gallega. Tui – 1968” na Sala Municipal de Exposicións.
A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente Solla, lembra que o lema deste ano 2024 do “Día da Biblioteca”, "Por un futuro sostible", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.
A través das súas coleccións, servizos e actividades con usuarios, as bibliotecas contribúen a construír unha sociedade cada vez máis informada, máis igualitaria, solidaria e xusta, plenamente consciente da necesidade de levar un modo de vida sostible como compromiso coas xeracións futuras.
Máis aló dos ODS relacionados coa Cultura e o Coñecemento aos que claramente contribúen as bibliotecas, estas institucións fomentan: a educación de calidade, a igualdade de xénero, a consolidación de institucións máis democráticas, a difusión de información veraz, a redución da pobreza, o coidado do medio ambiente...
Como institucións democráticas, as bibliotecas son espazos accesibles abertos á participación da cidadanía, que busca nelas un lugar de encontro, de intercambio de opinións e coñecemento, de posta en marcha de novas ideas e proxectos, sendo especialmente relevantes en zonas rurais e/ou pouco poboadas.
Programación
Venres 11
A maleta. Contacontos inclusivo en lingua de signos e lingua galega” con contAZ Biblioteca Municipal: 17.30 horas
Mércores 16 – Día das escritoras
Dedicado a Emilia Rosende. Mesa redonda coa participación da propia autora. Biblioteca Municipal – 19.30 horas
Xoves 17
Espectáculo “Filipa cos contos” con Bandullo Azul Biblioteca Municipal – 17.30 horas Mércores 23 Encontro dos Clubs de Lectura con Rexina Veiga sobre o seu libro “O teu perfil na miña sombra” – 19.00 h.
Xoves 24 – Día da Biblioteca
Contacontos “Burromaquia” con Fantoches Baj Biblioteca Municipal: 17.30 horas
Ata 25 de outubro
“A exposición secuestrada. Estampa Popular Gallega. Tui – 1968” en Sala Municipal de Exposicións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario