7 de out. de 2024

TOMIÑO

Tomiño ponse en marcha coas súas ‘Andainas saudables’  

•  O Concello pon en marcha unha andaina semanal con saída do Centro de Saúde todos os xoves de 10.00 a 11.00 horas   

  A actividade, de balde, forma parte da axenda ‘Impacto saudable’ para promover o deporte e benestar entre a veciñanza  




Infogauda / Tomiño

 Camiñar non é só un exercicio, senón unha forma de conectar co corpo e a contorna e de dar os primeiros pasos cara a unha vida máis saudable. Por este motivo, o Concello de Tomiño pon en marcha as súas ‘Andainas saudables’, unha iniciativa enmarcada na programación da axenda ‘Impacto saudable’ que busca promover o deporte e os hábitos de vida sas entre toda a veciñanza, especialmente entre as persoas de idade adulta.    

 A alcaldesa, Sandra González, destacou a relevancia deste proxecto para a saúde de tomiñeses e tomiñesas, xa que “estas actividades permítennos coller novos hábitos de vida pensando no noso benestar e na nosa saúde nun ambiente enriquecedor e guiado por profesionais cualificados en cada paso do camiño”. A rexedora animou a todas as persoas a sumarse a estas camiñadas e facer da actividade física unha parte esencial das súas vidas diarias. 

 As andainas comezarán este 10 de outubro e celebraranse todos os xoves de 10.00 a 11.00 horas. As persoas interesadas en participar non deberán inscribirse previamente, soamente presentarse no punto de encontro do Centro de Saúde ás 09.45 horas. Casa sesión incluirá paseos guiados pola contorna municipal complementados con pequenos exercicios de forza, equilibrio ou estiramentos. 

 A actividade estará cofinanciada ao abeiro das axudas as entidades locais pertencentes á Rede Española de Cidades Saudables que realicen actuacións estratéxicas, innovadoras e de calidade ao abeiro da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no marco do convenio entre o Ministerio de Sanidade e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Ningún comentario:

Publicar un comentario